Aldea Global | Baixo o nome “O cambio de natureza da Autocratización”, o Instituto de Investigación V-Dem da Universidade de Gotemburgo (Suecia) vén de publicar o seu Informe sobre a Democracia 2022 onde traza un panorama desolador: un notorio declive global da cidadanía no relativo ao apoio á democracia liberal, descendendo a niveis de 1989.
Segundo o informe de V-Dem, máis do 70% da poboación mundial (5.400 millóns de persoas) vive baixo ditaduras ou réximes ‘autocratizantes’, concibidos estes como aqueles que desprezan os mecanismos de equilibrio dos poderes públicos e a pluralidade política. Lonxe de aumentar, a mobilización democrática e popular mantense en niveis baixos.
O informe alerta de que “o mundo enfróntase a unha guerra en Europa, a un aumento das tensións na rexión de Asia Oriental e o Pacífico, a un retorno dos golpes militares e doutro tipo, e a novas cotas de polarización en moitas sociedades. Os últimos 30 anos de avances democráticos foron erradicados”.
Europa non escapa
O aumento das tendencias ‘autocratizantes’ tamén se observa en Europa: a vaga da autocratización achégase ao 20% dos dos membros da Unión Europea (UE).
Seis dos 27 estados membros da UE (Hungría, Polonia, República Checa, Eslovenia, Croacia e Grecia) están inmersos en procesos de ‘autocratización’, toda vez contan cun aumento de apoio popular a estas tendencias que medran en atmosferas de crecente polarización, tal e como se observa nos últimos dez anos.
“Seis dos 27 estados membros da UE (Hungría, Polonia, República Checa, Eslovenia, Croacia e Grecia) están inmersos en procesos de ‘autocratización”
As democracias liberais alcanzaron o seu punto máximo en 2012 con 42 países e agora están nos niveis máis baixos en máis de 25 anos: 34 nacións que albergan só o 13% da poboación mundial. O declive democrático é especialmente evidente en Asia-Pacífico, Europa do Leste e Asia Central, así como en partes de América Latina e o Caribe.
Autocracia electoral, golpes de Estado e polarización
O crecente número de autocracias de corte ditatorial ou “pechadas” pasou de 25 a 30 países correspondendo ao 26% da poboación mundial. Pero tamén se observan aspectos cambiantes na natureza da autocratización.
A autocracia electoral segue sendo o tipo de réxime máis común e alberga ao 44% da poboación mundial, é dicir, 3.400 millóns de persoas. Un récord de 35 países sufriron deterioracións significativas na liberdade de expresión a mans dos gobernos.
Aumenta tamén a polarización. O respecto ao compoñente deliberativo da democracia empeorou en máis de 32 países, toda vez a polarización aumenta ata niveis tóxicos en 40 países. Os gobernos autocráticos utilizan cada vez máis a desinformación para moldear a opinión nacional e internacional ao seu favor.
Tamén observamos a persistencia dos golpes de Estado, con cinco golpes militares e 1 autogolpe en 2021, marcando así un récord no século XXI: unha media de 1,2 golpes de estado por ano. Os golpes deron lugar a 4 novas autocracias pechadas: Chad, Guinea, Malí e Myanmar. Unha onda de polarización .
“O 2021 chegou cun número récord de nacións que se autocratizan nos últimos 50 anos: 33 países que albergan ao 36% da poboación mundial, 2.800 millóns de persoas”
O 2021 chegou cun número récord de nacións que se autocratizan nos últimos 50 anos: 33 países que albergan ao 36% da poboación mundial, 2.800 millóns de persoas. Os principais países con tendencias autocratizantes son Brasil, Hungría, India, Polonia, Serbia e Turquía.
O aumento dos niveis de mobilización a favor da autocracia pode indicar que os líderes autocratizadores están a adoptar medidas máis audaces para demostrar a súa lexitimidade.