Castro de Rei | O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a importancia que teñen para xerar valor engadido e impulsar a transformación da produción primaria dos gandeiros galegos iniciativas como a Escola de Carniceiros de Galicia, que acaba de botar a andar en Castro de Rei da man do empresario Carlos Cebrián Escobar, xerente de Megaro Foods -empresa cárnica asentada no polígono industrial de Castro de Ribeiras de Lea- e presidente da Fundación Agroalimentaria Galega.
Esta entidade, integrada na Fundación Agroalimentaria Galega, vén de ser constituída co impulso da CEL e empresas de Lugo. Arias salientou que esta iniciativa facilitará a formación de persoal especializado en diferentes actividades relacionadas co sector cárnico, de xeito que “se cubrirá unha demanda do propio mercado laboral, xa que estamos a falar de perfís profesionais que agora mesmo non son fáciles atopar por parte das empresas”. Ao acto tamén asistiron o secretario xeral da CEL, Jaime López; Eduardo Valín, conselleiro delegado da organización empresarial; e o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, entre outras persoas.
A escola foi incluída no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego de Galicia e está acreditada para impartir os certificados de profesionalidade de Carnicería e elaboración de produtos cárnicos e Sacrificio, preparación de canal e despece de animais, cada un deles con 15 persoas alumnas.
Para dar esta formación conta cunha aula de case 100 metros cadrados, un obradoiro de carnicería e elaboracións cárnicas 173 metros cadrados e as necesarias cámaras frigoríficas para a conservación da carne. O principal impulsor do proxecto destinou a elo parte das instalacións da súa empresa no polígono de Castro.
A Escola de Carniceiros de Galicia está integrada na Fundación Agroalimentaria Galega, creada recentemente por iniciativa da CEL e de varias empresas luguesas co obxectivo de provocar sinerxías que permitan o impulso dun sector fundamental para á economía da provincia de Lugo.
Entre outras finalidades, a fundación pretende contribuír a que as empresas do sector poidan rematar ciclos produtivos en Galicia e incrementar así o valor do PIB comunitario.