Ourense | Con motivo do seu 40 aniversario, a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense abre unha matrícula especial, de tal xeito que, aínda que o curso académico se inicia o primeiro de outubro para as especialidades de gaita, percusión, canto e pandeireta, manterase a posibilidade de matriculación ao longo do que resta deste 2024 e durante 2025. O importe da mesma é de 40 euros e no caso de varios familiares próximos, o primeiro matriculado pagará 40 euros e os restantes, 15 euros.
A filosofía da Escola de Gaitas, sinala o seu director, Xosé Lois Foxo, mantivo como eixo “un ensino encamiñado a dignificar o noso instrumento, de tal xeito que á escola acoden estudosos de toda Galicia e da península, mesmo con inscricións de distintas nacionalidades”.
Aparte da Real Banda de Gaitas, mantense no centro outras agrupacións como Preparatorio, Aspirantes e Atarazana, esta última formada por adultos. Nestas catro décadas de historia da Real Banda e da Escola de Gaitas, a maioría dos concellos da provincia contan ou contaron cunha delegación do centro, impartíndose clases a milleiros de persoas, estando ademais presente a Real Banda de Gaitas en múltiples eventos na provincia, de Ourense, así como en Galicia, no resto de España e nos cinco continentes.
Xuntanza internacional
Entre as actividades da Escola merece especial atención a Xuntanza Internacional de Gaiteiros pola que pasaron os máis destacados intérpretes do mundo, sendo un referente internacional.
Actualmente celébrase no Castelo de Monterrei, aínda que inicialmente percorreu distintos concellos da provincia de Ourense. Está declarada de interese turístico de Galicia.
Museo internacional de cornamusas
Unha das inquedanzas de Xosé Lois Foxo foi ademais a procura de vellas gaitas de Galicia, pero tamén doutros puntos da xeografía nacional e internacional, albergando neste momento nas instalacións da Escola máis dun cento de exemplares únicos, procedentes de Asia, África ou Europa, sendo o museo máis extenso do mundo.
Ademais do ensino e o museo de cornamusas, estas instalacións da Deputación de Ourense tamén acollen un arquivo no que se conservan a música de gaiteiros populares, festivais, cantoras e cantores de aldeas galegas. Máis de vinte mil interpretacións en todo tipo de soportes sonoros físicos e dixitais.
Todo un labor que se completa coa publicación dun dos libros máis importantes dentro do mundo do noso instrumento, Os Segredos da Gaita, así como o Anuario da Gaita coa colaboración de importantes especialistas en investigación histórica.