A Escola Unitaria de Ribadetea celebrou o pasado 17 de outubro unha xornada de portas abertas que contou coa presenza do alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla e do concelleiro de Educación, Andrés Sampedro. A xornada tiña como obxectivo que nais e pais puideran comprobar o estado do centro escolar, logo das obras realizadas cun investimento de case 40.000 euros, achegados integramente polo Concello. As obras realizadas no verán, de cara a que a instalación educativa estivera plenamente operativa para este curso, consistiron no cambio da cuberta para eliminar as humidades e a substitución das antigas fiestras de madeira por outra de aluminio. Por outra banda, procedíase tamén ao pintado e lousado da aula de psicomotricidade, os baños do profesorado, o enfoscado exterior e o pintado integral do centro.