A escritora Ana Abad presentou no Porriño o seu libro “A Nunca Vista”

A través dun encontro e diáologo aberto no Centro Cultural Municipal

O Porriño | O Centro Cultural Municipal acolleu onte a presentación e coloquio arredor do libro “A nunca vista”, de Ana Abad de Larriva, texto gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, en 2022, publicado pola editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.

Foi un encontro e diálogo aberto entre as persoas asistentes onde se profundizou sobre a obra, que aborda o problema relacionado co peche familiar de persoas con diversidades ou fóra do canon estético social imposto. Unha temática moi conectada coa antropoloxía cultural galega e dun gran poder emocional.

A autora amosouse moi contenta de presentar o libro no Porriño. “Para min é como unha segunda casa”, explicou Ana que dende hai anos coordina o Club de Lectura da Biblioteca, “Aquí presentei o meu primeiro libro, A sombra das árbores, que resultou gañador do Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e a editorial Galaxia, e por iso quería tamén presentar aquí esta obra”.

No acto, que presentou o alcalde, Alejandro Lorenzo, interviron tamén Roberto Pascual, director artístico da MIT e dramaturgo, e a porriñesa Irene Moreira, directora escena. “Ana é unha persoa que vive no teatro e ama profundamente o teatro” destacou Pascual, incidindo en que “o teatro é o grande muro contra o odio, é cohexión e respecto á diversidade e as diferencias”.

O director artístico da MIT de Ribadavia tivo tamén palabras para o Premio Vidal Bolaño. “Tedes no Porriño un certame teatral único en Galicia, adicado a un público que moitas veces está na marxe, a mocidade”, explicou.

Pola súa banda, Irene Moreira centrou a súa intervención na obra mesma e deu paso ao coloquio, explicando que “A Nunca vista está centrada nun feito real que non queremos ver moitas veces, pero seguro se da no noso entorno” e incidindo no necesario de abordar estas cuestións. Ademais, adiantou que están a plantexar xa a posta en escena do texto.

O rexedor, que tamén participou do coloquio, agradeceu a Ana que “elexira O Porriño para presentar tamén a súa obra, xa que é unha persoa moi apreciada na vila polo seu traballo de coordinadora do club de lectura, unha actividade de promoción da lectura que pensó que é das máis atractivas e demandadas. E iso é grazas a Ana, porque cando alguén ama e sinte de verdade algo ten unha inmensa capacidade para trasmitilo aos demais”.

Sobre a autora
Ana Abad de Larriva é escritora e actriz, ademais de exercer nos últimos anos como coordinadora do club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño. Cultiva diferentes xéneros literarios e dedícase especialmente á dramaturxia e á poesía, ademais de crear as súas propias pezas escénicas.

Ademais do Premio Abrente por “A nunca vista”, obtivo outros recoñecementos, como o Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais, ,convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, por “A sombra das árbores”, en 2019; o Premio de Microteatro da Memoria, da Deputación de Pontevedra e a ESAD de Galicia, por “Un biolo na noite”, en 2021; ou a bolsa de dramaturxia do Centro Dramático Galego por “Bailar no ceo”, en 2022.

José Gil, precursor do cinema galego
O proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema” chega mañá ao Porriño para achegar á veciñanza e á comunidade educativa o legado do gran precursor do cine galego.

O proxecto, financiado pola Deputación, en colaboración con Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia, recala na vila do Louro con proxeccións, concertos, encontros e múltiples actividades arredor do cineasta e da súa obra. José Gil montou no ano 1910 a primeira produtora de cinema da historia de Galicia. Levaba o cine a todos os recunchos de Galicia, un Cinemóbil, que será a peza central coa que este proxecto co que se pretende recuperar a necesaria presenza no ideario colectivo de alguén que loitou toda a súa vida por poñer as bases do cinema moderno. E isto sendo un rapaz dunha aldea remota de Galicia de finais de século XIX, que a pesar diso chegou a ser un grande fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cine.


O pai de José Gil, o garda civil Domingo Gil, estivera destinado na casa cuartel do Porriño a comezos de 1873, cando o futuro cineasta só tiña tres anos. O Porriño era un lugar de paso na visitas co seu Ford e as estadías na aldea natal, Rubiós (As Neves). Ao longo dos anos impresionou algunhas películas no Porriño como Campamento de tropas nas gándaras de Budiño que aparecían en Pontevedra y sus paisajes (Actualidades de Pontevedra) en 1924. O médico municipal do Porriño, Aquilino Álvarez Argüelles, era un grande amigo da familia, chegando a presidir o enterro da súa filla Rosa Gil en 1922 e asistindo aos funerais de María e Josefa.

No entanto, en agosto de 1925, a “Unión de Sociedades do Distrito de Porriño” de Bos Aires produciron un documental de 1.000 metros, Porriño y su distrito, para ser enviado á Arxentina con imaxes das diferentes parroquias do concello. Era unha das encomendas habituais de José Gil por toda Galicia por ser considerado “o cineasta da emigración”. Lamentablemente, nesta ocasión o contrato de produción non recaeu na empresa de Gil, senón na produtora arxentina “América Hispana Films” do emigrado leonés León Artola.

No verán de 1933 percorreu varias localizacións do concello filmando panorámicas do Porriño e as súas industrias e patrocinado pola empresa local, a fábrica de cerámica e ladrillos “Mas”. Esta fita integrábase no derradeiro Noticiario de Galicia (nº 11), sendo estreado no Teatro Diz o 22 de marzo de 1934.

Entre 1928 e 1933 -até a chegada do cinema sonoro- exhibíronse habitualmente documentais sobre Vigo e os Noticiarios de Galicia producidos por Galicia Cinegráfica no “Salón Diz”, propiedade de Servando Diz Rey.

Programación venres 9 de xuño
Proxección para centros de ensino e visitas Cinemóbil Nº3
Pola mañá • Círculo Recreativo Cultural • Actividade concertada cos centros educativos do Porriño
Proxeccións de balde para público xeral
Dende as 20:00 h • Círculo Recreativo Cultural • Entrada libre e de balde ata completar prazas

Programación venres 10 de xuño
Visitas Cinemóbil Nº3 e presentación do libro “Nos días encantados de agosto” (Manolo González, Ed. Galaxia. Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio). Dende ás 10:00 h • Praza Arquitecto Antonio Palacios

Sesión vermú: “As músicas de José Gil”. Concerto homenaxe a José Gil da Banda de Música Municipal do Porriño. Ás 13:00 h • Praza Arquitecto Antonio Palacios (en caso de choiva, trasladaranse as actividades ao Círculo Recreativo Cultural)