Santiago de Compostela | A xornalista e escritora María Xosé Porteiro presenta este venres (10 de decembro, ás 19:30 horas) no Ámbito Cultural do Centro Comercial Compostela a novela Cobardes (Belagua Ed. 2021). Na presentación participarán a autora, a Catedrática de Literatura da Universidade de Santiago de Compostela, Dolores Vilavedra, e a editora Edurne Baines.
Esta versión en castelá do texto homónimo que se publicara en galego hai vinte anos aborda un tema de total que segue a estar de plena actualidade como a trata e o tráfico de mulleres.
No prólogo, María Luisa Abad, pedagoga e poeta, considera que “Cobardes é unha novela valente, incómoda, que denuncia trapos sucios que ninguén quere ventilar. Métese nas cloacas cheas de lixo. Estamos a falar dun dos primeiros thriller vigueses, das primeiras novelas negras da cidade. Porteiro, visionaria, inaugura un camiño polo que transitarán moitas e moitos escritores posteriormente. Publicada en galego en 2001, impresiona ao abordar o tema da trata de mulleres para a súa explotación sexual con perspectiva de xénero, algo pouco doado de atopar neste tipo de obras.”
A profesora Dolores Vilavedra, no seu comentario crítico a esta edición, salienta que “vinte anos despois, agora traducida ao castelán como Cobardes, a novela de Mª Xosé Porteiro segue atrapándonos pola valentía e honestidade con que aborda temas complexos, pola tensión narrativa que a autora lle imprime a un argumento que elude con habilidade todas e cada unha das trampas do obvio ou previsible, e polo seu eficacísimo manexo do estilo indirecto libre que nos envolve con dinamismo e autenticidade na intimidade duns personaxes xa para sempre inesquecibles.”
Pola súa banda, María Xosé Porteiro, no capítulo final de agradecementos considera que “a estas alturas de século, a trata e tráfico de mulleres, nenas e nenos para a súa explotación sexual, está incorporada ao debate público e político. Mudaron moitas cousas desde que esta novela se publicou por vez primeira, hai dúas décadas, mais a historia que se conta en Cobardes aínda está vixente en moitos casos e países, se ben as circunstancias variaron en moitos outros.”
A autora revela que “esta narración está baseada en feitos reais, tratados coas doses precisas de ficción que a prudencia require”. Resultado dun amplo traballo de documentación, a propia Porteiro afirma que acadou “tanta e tan dura a información que me sentín superada. O relato non admitía revelar as fontes e aparecían demasiados nomes coñecidos como para atreverme a citalos sen posibilidade de demostrar os feitos. En boa praxe xornalística non cabe a especulación, así que gardei os testemuños que conseguira reunir e tentei lavar a mala conciencia que me proía con argumentos profesionais.”
María Xosé Porteiro é unha escritora e feminista galega. Con ampla traxectoria como xornalista, traballou en prensa, radio, televisión e comunicación corporativa en numerosos medios galegos e españois. É autora de ensaios, biografías, novelas e relatos como Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas (Akal, 1981, con X. A Perozo), Covardes (Ir Indo, 2001), Sándalo (Galaxia, 2019), Buscando a Clara (Elvira, 2019); Novelas para Xulia – Vivas e libres (Galaxia, 2020), Quen é quen no primeiro parlamento galego (Xerais, 1981, con X. A. Perozo), Vine vi y hablé, las mujeres frente al discurso público (Auga, 2012), #taméneu (Libros Lar, 2021) ou a presente edición de Cobardes (Belagua, 2021).
Feminista comprometida cos dereitos humanos, Porteiro foi concelleira en Vigo, parlamentaria galega, deputada no Congreso español e Delegada de Galicia en Arxentina e Uruguai. Como xestora cultural dirixiu a empresa Información e Comunicación Local, SA (Incolsa) e o Museo do Ferrocarril de Delicias-Madrid. Na actualidade dirixe o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega e é adxunta á Valedoría do Pobo de Galicia. En 2009 recibiu a encomenda ao Mérito Civil pola súa contribución á política exterior española, en 2019 o premio Primeiro de Maio do sindicato Comisións Obreiras ao Compromiso Social e a Solidariedade, e en 2020 o premio Ernestina Otero, da Comisión da Muller de Vigo, polo seu labor e traxectoria feministas (2020).
Para máis información: maria.xose.porteiro@gmail.com / 698129942 (tlf e whatsapp)