A Coruña | A escultora Soledad Penalta será o vindeiro xoves, 2 de decembro (18:00 horas), a última convidada do ciclo As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo.
O programa é unha iniciativa coorganizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Real Academia Galega, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, co gallo do centenario do pasamento da escritora.
A creadora falará no que foi o fogar a autora homenaxeada (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) sobre o apoderamento das mulleres no mundo da arte e como inflúe a ollada de xénero para facer visibles os estereotipos de xénero neste eido. Baixo o título Modelando Soños, unha vida entre o lume o aceiro, Soledad Penalta fará tamén un repaso pola súa traxectoria vital nunha conversa coa xornalista Noela Bao.
Soledad Penalta exerce como escultora dende 1972 e fixo a súa primeira exposición no ano 1981. Estudou na escola de oficios artísticos da Coruña, completou a súa formación en Barcelona e Italia e traballou no Studio Arts de Los Ángeles. Entre as súas obras públicas destacan “Los Guardianes”, do parque escultórico da Torre de Hércules ou a situada na praia de Ladeira, en Baiona.
A conversa entre Soledad Penalta e Noela Bao desenvolverase no salón de actos da Real Academia Galega. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
O acto, que se emitirá en directo dende a canle de Youtube de Cultura da Coruña, poralle o ramo a un ciclo polo que pasaron dende o mes de marzo a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a académica Marilar Aleixandre, directora da revista La Tribuna: Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán; a gaiteira Susana Seivane; a vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro; a delegada especial en Galicia da Axencia Tributaria, Imelda Capote; a xornalista Rosa Martínez; e a médica Lorena Bembibre.