A estrada provincial EP-2401 O Porriño-Mosende mellorará a súa mobilidade peonil

En colaboración coa Deputación de Pontevedra

Pontevedra | A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, mantivo unha xuntanza co alcalde do Porriño e tamén deputado provincial, Alejandro Lorenzo, para afondar nos proxectos en marcha e en novas actuacións nas estradas provinciais ao seu paso pola vila.

En concreto, na xuntanza o rexedor expuxo a necesidade de abordar obras de mellora da mobilidade peonil da estrada provincial EP-2401 O Porriño-Mosende ao seu paso polo centro de Torneiros.

O alcalde e deputado provincial constatou así a necesidade de poñer en marcha esta actuación por ser unha prioridade para o Concello e para o conxunto da veciñanza do Porriño, co obxectivo de mellorar a seguridade peonil e viaria na totalidade da mesma, comezando polo núcleo de Torneiros, e Isabel Couselo confirmou que se trata dunha prioridade compartida entre o Concello e a Deputación.

Ademais, Isabel Couselo adiantou ao alcalde que o proxecto para a mellora da seguridade peonil na estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño está practicamente rematado. En concreto, este proxecto contempla a humanización e creación dunha senda peonil que transcorrerá por un tramo de 1,2 quilómetros, unindo a rotonda de entrada no Casal e a rotonda de acceso á antiga nacional e á autovía, no Cerquido.

 

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.