Santiago de Compostela | Juan Alberto Turnes Abelenda é profesor na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, no Departamento de Economía Aplicada. A publicación do seu libro Descentralización fiscal e desenvolvemento (Laiovento, 2021), realiza unha análise sobre o sistema económico descentralizado e as súas implicacións, ben dentro do sistema autonómico español ou ben extrapolando a outros sistemas descentralizados. A conversa co profesor Turnes non pode evitar falar da estrutura económica galega e dos por ques sobre un desenvolvemento territorial pouco incentivado.
Cales serían os posibles motivos polos que un estado descentraliza a súa administración económica?
O libro intenta analizar desde unha perspectiva que creiamos necesaria, o proceso de descentralización económica que se deu en España. Centrámonos na discusión sobre as balanzas fiscais. Ese era o principal obxectivo, mais por outra parte tamén tentamos analizar unha parte das relacións aparelladas ao proceso de descentralización económica dentro dun estado. Sobre as razóns para descentralizar as competencias económicas son moi variadas. Desde unha perspectiva económica poderiamos dicir que o mundo ecónomico é moi heteroxéneo que vive na globalización. Esta globalización implica tomar decisións en diferentes niveis e onde a economía cada vez é máis global, mais tamén é moi territorial, non estamos en economías de aglomeración. As economías están interconectadas mais están moi territorializadas. Crean ecosistemas en diferentes territorios e eses ecosistemas necesitan tomar decisións. Hai cada vez unha maior comunicación entre o mundo económico e do mundo da administración, das empresas e moitos outros factores que están interactuando nun territorio. Iso implica que desde administracións moi alonxadas é difícil tomar decisións porque estás moi lonxe. A base científica parte das ideas nacidas nos EE.UU, canta máis descentralización maior coñecemento da realidade económica e social dun territorio. Iso promoverá decisións económicas máis eficientes. Hoxe en día vai máis alá, porque hai unha necesidade económica de descentralizar.
Que papel xoga entón a balanza fiscal dentro da descentralización económica dentro dun estado?
O que busca medir esta balanza fiscal son dous obxectivos. Un é medir a equidade, é dicir, independentemente dos impostos que paguemos e onde vivamos, recibiremos todos os mesmos servizos. O segundo obxectivo é medir o dividendo fiscal, resumindo, se teño toda a autonomía fiscal, canto vou gañar eu?, ou canto vou perder? A equidade intenta medirse mediante o sistema “carga-beneficio” e o dividendo fiscal intenta medirse mediante o fluxo monetario. Todo iso ten a súa complexidade por iso, desde unha perspectiva política, intentan simplificar esta balanza fiscal. Isto pode acabar como por exemplo “España róubanos” de Cataluña, e por outra parte o Estado di que hai territorios excesivamente subsidiados, como dirían de Galicia ou de Andalucía. Ou como dixo o BNG, Galicia ten déficit por recibir menos recursos dos que aporta. O País Vasco estaría fóra por ter o seu propio sistema de financiamento.
A descentralización acaba sendo unha ferramenta política, tivo esta sensación mentres realizaba o seu traballo?
O das balanzas fiscais é un tema moi politizado. A balanza fiscal aporta información que deberiamos saber interpretar. Nalgúns casos apórtase moito e recíbese pouco, especialmente en territorios como Galicia onde é un debate pobre. O bo da balanza fiscal é que se introducen moitísimas variables económicas. Para un territorio como Galicia é máis interesante ir máis alá do saldo fiscal. O interesante aquí sería analizar todas as partidas existentes, especialmente incorporar outras variables que xogan dentro da descentralización. Mais a realidade é que este tema si está moi politizad e é difícil falar sobre el porque ademais hai moito nesgo e polarización. Creo que estas polarizacións son produto da complexidade das balanzas fiscais. Se falamos de maneira moi técnica sobre a balanza fiscal ninguén comprendería a súa totalidade. Entón a maneira de poder explicar á cidadanía todo o dito é simplificando esa balanza fiscal.
Tendo en conta todos estes parámetros, porque a balanza fiscal repercute dunha maneira subsidiada a pesar dos recursos que ten, como din algúns partidos?
Leo e escoito moitos comentarios onde se mesturan moitos conceptos. Un deles é que os impostos das empresas que se pagan en Madrid. Aí xa empezamos a mesturar conceptos. Os impostos sociais non se pagan en Andalucía ou en Galicia senón que os recada o Estado, se a recadación é de 20.000 millóns por exemplo, a pregunta é, canto procede de cada territorio? Esa é unha tarefa moi complexa onde tes que asumir moitas hipóteses porque esa estimación non é directa. Esa estimación intenta recoller parte das demandas dos diferentes territorios. Logo hai outro debate arredor do imposto de sociedades, ese é un feito impoñible que permite unha determinada recadación. Sobre o feito de por que non hai máis beneficios tendo diversas fontes de enerxía, por exemplo, iso sería un debate que estaría máis aló da balanza fiscal. Ao mellor serían necesarios outros impostos ou mecanismos que compensen o impacto ecolóxico e ambiental, mais ese é outro debate. Hoxe en día a balanza fiscal é un elemento que ten outro obxectivo. Para responder á pregunta en si, hai que ampliar o debate máis aló da balanza fiscal.
Por que non se materializou un sistema propio en Galicia logo da descentralización autonómica?
Hai que diferenciar dous temas. A descentralización fiscal e o modelo autonómico primeiro, está pensado para a xestión de servizos fundamentais. Isto representa o 90% do modelo de financiamento. Ás CCAA quédalles unha porcentaxe sobre a cal teñen plena autonomía. Conseguen crear recursos a través de impostos propios que se poden xestionar en base ás competencias asumidas. O problema foi durante os últimos anos, os recursos recadados foron moi limitados, a crise de 2008 foi dura, o goberno realizou uns recortes que implican recortes na túa política autonómica a nivel xeral dentro da túa autonómica. Isto impediu levar adiante transformacións na estrutura económica, case non hai cambios tecnolóxicos, científicos e as políticas de I+D en Galicia son limitadas e hai moi pouco tempo que comezaron a actuar.
Bota de menos un mínimo de pedagoxía para poder explicar elementos coma estes de cara o público?
Boto de menos debate. A pena é que en Galicia parece non haber un ecosistema de debate, quizais porque non hai moitos actores económicos ou falta máis tecido social, posiblemente. A estrutura que temos aquí obedece a dous tipos de empresas, as que son moi grandes, caso Inditex, empresa que xoga noutra liga. A esas grandes empresas non lles interesan estes debates, están noutros debates dentro dun contexto máis internacional. O resto de empresas en Galicia, o 90%, son empresas pequenas en sectores moi maduros de baixo valor engadido.
A estrutura económica dun territorio condiciona o seu debate. Por outra parte, creo que o outro punto moi importante é a cuestión demográfica en Galicia, porque onde parte da xente formada se vai e a media de idade é elevada, o debate económico ten as súas limitacións. Por tanto hai diferenzas moi marcadas con outros territorios.