A eterna impunidade israelí.

Un ano despois dos ataques de Hamás en territorio israelí que deron paso á desproporcionada e inhumana invasión militar de Gaza, que queda de Oriente Próximo? Toda vez existe unha nova crise de refuxiados ante o desprazamento de poboación palestina cara o sur da Franxa, Israel inicia unha nova guerra invadindo o sur do Líbano para descabezar a Hizbulá e atacando posicións da comunidade hutí en Iemen. Isto deu paso á resposta iraniana lanzando misís contra territorio israelí. O resultado, un ano despois, é mais guerra en Oriente Próximo.

Os acontecementos interpretan que o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu está acelerando o vello proxecto do “Gran Israel” buscando selar definitivamente as denominadas “fronteiras históricas” e deseñando unha nova xeopolítica rexional. A posibilidade de espallamento dun conflito a gran escala contra Irán, Iraq e Siria non é un escenario para nada descartable.

Por moito que a retórica oficial israelí busque xustificar estas tropelías baixo a súa recorrente perspectiva de “vitimización”, queda claro que Netanyahu non está librando unha guerra “pola supervivencia” nin pola “vitalidade do Estado de Israel” argumentando a existencia de inimigos frecuentes (Irán, Hizbulá, Hamás) pero non menos convenientes para manter o seu poderoso establishment militar-industrial, verdadeiro factor de poder que nutre a existencia de Israel como entidade estatal, obviamente co apoio de EEUU e Europa.

“Por moito que a retórica oficial israelí busque xustificar estas tropelías baixo a súa recorrente perspectiva de ‘vitimización’, queda claro que Netanyahu non está librando unha guerra “pola supervivencia” nin pola ‘vitalidade do Estado de Israel (…) o que está é acelerando o vello proxecto do ‘Gran Israel”

Por outra banda, o sorprendente ataque de Hamás abriu unha fenda dentro da sociedade israelí, rompendo o mito da súa imbatibilidade militar e da impenetrabilidade do seu territorio. Os dous ataques de mísiles por parte de Teherán no que vai de 2024 (abril e outubro) confirman igualmente esa perspectiva. Non obstante, a sociedade israelí non semella amosar críticas nin cuestionamentos á “liña dura” consolidada por Netanyahu e os seus aliados, amparado baixo un proxecto supremacista que denigra e demoniza ao adversario. Israel desistirá de calquera mea culpa nin tampouco atenderá (como ven sendo costume) a legalidade internacional sempre que os resultados militares sexan eficaces para neutralizar aos seus inimigos.

Non obstante, non queda claro que Israel estea avanzando militarmente en dúas guerras (Gaza e Líbano) que poden prolongarse co tempo. A penas lograron liberar unha decena dos mais de 200 secuestrados fai un ano. Se ben golpeados e asasinados os seus principais líderes (Ismail Haniya e Hasán Nasralá) Hamás como Hizbulá distan moito da desaparición e incluso consolídanse como actores de resistencia. E no trasfondo está Irán, o eixe vertebrador desta especie de cinturón contra Israel dentro dun volátil e inestable mapa rexional.

Tamén está a dobre vara de medir dunha comunidade internacional cada vez máis incongruente e insignificante. A mesma que demonizou a Putin coa invasión de Ucraína en 2022 aplicando unha riada de sancións nunca antes vista contra un país, hoxe busca tomar distancia dos crimes que Israel comete en Palestina e ante as súas aspiracións hexemónicas rexionais. Occidente pouco ten que ofrecer cando un eixe euroasiático China-Rusia-Irán-Turquía e incluso India comeza a pisar con forza na area internacional, creando e fortalecendo alternativas multilaterais (OCX, BRICS) e alterando os cimentos de poder dese interregno denominado “pos-postguerra fría“, hoxe practicamente sepultada.

Así mesmo, o silencio dos principais países árabes (Exipto, Arabia Saudita, Catar) implica observar colaterais factores de complicidade con Israel. A eventual desarticulación de dous movementos islamistas (Hamás e Hizbulá) que teñen demostrada a súa eficacia na resistencia e loita armada contra Israel pode supoñer para as elites árabes un beneficio político orientado a neutralizar calquera síntoma de simpatía popular cara eses movementos, especialmente ante a presenza doutros partidos e actores islamistas como a Irmandade Musulmá, con múltiples redes de apoio rexionais. Seica para as elites árabes, Israel estalles ‘facendo o traballo’ golpeando a inimigos políticos ‘comúns’.

“O silencio dos principais países árabes (Exipto, Arabia Saudita, Catar) implica observar colaterais factores de complicidade con Israel”

Un ano despois da guerra desatada por Netanyahu, o conflito en Oriente Próximo entra en terreo descoñecido. A única certeza é que Israel só coñece o militarismo e a guerra como ethos e razón de ser, incapacitado para impulsar calquera iniciativa de paz que non sexa baixo as súas condicións e amparada nos históricos apoios occidentais. Un ano despois tamén vemos como se derruba definitivamente esa pretendida pax americana en Oriente Próximo, outrora proxecto hexemónico da “posguerra fría” no que Washington, agora tamén incapacitado para cando menos solucionar diplomaticamente a crise, perpetúa sen atenuantes a impunidade israelí.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.