Tui | Este domingo celebrarase a VII Eurocidade 10 organizada pola Eurocidade Tui-Valença e o Club Atletismo Tui. Esta proba de atletismo será solidaria cos afectados de Paramos, para quen será recadación íntegra da proba, pero amais poranse á venda, o mesmo domingo, camisetas solidarias ao prezo de 5€.
A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta tarde na casa do concello de Tui coa presenza do alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Deportes, Andrés Urseira, o vereador de Desporto de Valença, José Monte, e o presidente do club Atletismo Tui, Rafael Pérez.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, destacou na súa intervención a triple vertente desta actividade deportiva, patrimonial e solidaria. No mesmo senso o concelleiro de Deportes, Andrés Urseira, salientou que este evento, que é un das probas estrelas do calendario deportivo da Eurocidade, aportará o seu gran de area aos afectados pola catástrofe de Paramos. Ao tempo ten tamén valor deportivo e visibiliza a Eurocidade co percorrido polo corazón do conxunto histórico de Tui e a fortaleza de Valença.
José Monte, vereador de Desporto de Valença, transmitiu a solidariedade do municipio de Valença con Tui, colaborando dende o primeiro momento, e indicando que este ano todos temos que facer un esforzo na divulgación desta proba.
Mentres Rafael Pérez, presidente do Club Atletismo Tui, indicou que esta sétima edición ten un matiz especial debido aos acontecemento de Paramos, xa que o 100% da inscrición será destinado á Plataforma de Afectados.
Lembrou amais Rafael Pérez que o Club Atletismo Tui Thermalia sempre estivo comprometido a nivel social e solidario, e en todas as carreiras teñen un compoñente social e solidario. En concreto na Eurocidade destinaban o 10% de inscrición a unha entidade de carácter social, pero este ano acordaron doar o 100%. Amais da inscrición o Club vai desenvolver coa colaboración do Concello e da Cámara de Valença, outras accións paralelas. Así a camiseta da proba, que se entrega a todos os participantes, levará #TodosconParamos e un lazo para lembrar ás vítimas da traxedia. Esta camiseta porase á venda cun valor simbólico de 5€ que se poderá mercar o domingo nas inmediacións da saída. Lembrou tamén que os trofeos da proba son realizados por unha organización de ámbito social sen ánimo de lucro como é Avelaíña.
Xa no eido deportivo explicou que a Eurocidade 10 é unha carreira pedestre que transcorre fundamental por asfalto na que se aproveitan os recursos patrimoniais e paisaxísticos de Tui, do Miño e de Valença, que conta co atractivo engadido de atravesar a vella Ponte Internacional.
A saída da VII Eurocidade 10 terá lugar este domingo, 10 de xuño, ás 11h dende o Paseo da Corredoira. Os participantes terán que percorrer os 10 quilómetros do circuíto establecido que atravesando a vella Ponte Internacional e regresando ao punto de partida en Tui.
A inscrición para a Eurocidade 10 está aberta ata este xoves, 7 de xuño, ás 23.59h na web https://clubatletismotui.wordpress.com/eurocidade10/ empregando a plataforma Championchipnorte para os atletas españois e Lap2go para os portugueses. O prezo da inscrición é de 4€ que serán doados integramente á Plataforma Axuda Paramos. Os atletas que non posúan o chip amarelo deberán alugalo cun custe dun euro. Agardan superar os 300 atletas que participaron o ano pasado na proba.
Establécense premios para os gañadores absolutos, para os tres primeiros e as tres primeiras de cada categoría, sub23, senior e veterano A e B, e para os tres primeiros e tres primeiras atletas da Eurocidade.