Tui | A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu undécimo aniversario cun concerto no Teatro Municipal de Tui. Será este venres, 10 de febreiro, ás 21.30 h ES.
O violinista Eliseu Silva ofrecerá o concerto ’24 caprichos fadistas’ nunha velada de unión entre ambas cidades – e ambos países- e de viaxe pola cultura portuguesa, nunha exaltación do Fado como Patrimonio Inmaterial da Humanidade.
Eliseu Silva revisitará os grandes éxitos de Amália Rodrigues, Carlos Paredes ou Zeca Afonso pero tamén interpretará outros temas da música popular de distintas rexións portuguesas incluíndo Azores ou Madeira.
Eliseu Antunes Pereira Gomes dá Silva conta cunha prestixiosa carreira internacional coma violinista, mestre, pedagogo e director artístico de festivais. Actuou como solista e en formacións de música de cámara en Portugal e países como Xapón, China, Australia, Alemaña, España, Suíza, Francia, Eslovaquia, Rumania, Bélxica, Holanda, Italia, Inglaterra, Malta,…
Tamén participou coma xurado en diversos certames de violín tanto nacionais coma internacionais e impartiu master classes en universidades en China e Australia. No seu haber figuran numersos premios coma o Yamaha Music Foundation of Europe, ou o Concurso Internacional de Violín de Malta.
Como compositor, escribiu ‘24 caprichos fadistas’ con motivo dos 240 anos do nacemento de Niccolo Paganini e do décimo aniversario do Fado coma patrimonio inmaterial. O concerto que este venres poderemos disfrutar no Teatro Municipal de Tui é obxecto tamén dunha xira internacional por parte do artista.
O concerto está recomendado a partir de 8 anos e ten unha duración de 65 minutos.
As entradas están xa á venda en tui.gal e en cm-valenca.pt aos prezos de 4 e 3 euros, este último coa tarifa reducida presentando o documento acreditativo de o carné xove, carné de estudante, da Biblioteca de Tui, familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e menores de 12 anos.
Toda a información desta cita e da programación teatral en Tui pódese consultar na web tui.gal e nas redes sociais municipais.