Hai razóns específicas para considerar que o verdadeiro gañador das eleccións parlamentarias europeas foi o presidente ruso Vladímir Putin. Esta perspectiva non está argumentada polas frecuentes denuncias dende Bruxelas sobre a presunta campaña de desinformación rusa ou de interferencias directas do Kremlin, ata agora non probadas, nestes comicios europeos; se ben pode resultar unha mirada superficial e incluso para moitos unha esaxeración, os resultados destas eleccións ao Parlamento Europeo realizadas este 9 de xuño (9X) indican que Putin pode estar bastante satisfeito.
“Os resultados destas eleccións ao Parlamento Europeo realizadas este 9 de xuño (9X) indican que Putin pode estar bastante satisfeito”
O avance ou consolidación política de diversos partidos populistas, dereitistas, nacionalistas, antieuropeístas e de ultradereita en países clave como Francia, Alemaña, Austria, Italia, Bélxica, Países Baixos, Hungría e Letonia debuxa un novo mapa político en Europa que, de algún u outro xeito, beneficia aos intereses xeopolíticos de Putin.
A vindeira Eurocámara que lexislará ata o 2029 terá 175 deputados desas faccións políticas, o 18% do total do Parlamento, un índice histórico para estas forzas políticas que avanzaron en 14 dos 27 países membros da UE. Se ben non todos eses partidos están politicamente cohesionados ou son abertamente ‘prorrusos’, moitos deles si son críticos coas decisións da UE en torno á guerra en Ucraína e as sancións contra Rusia. Outros, como veremos mais adiante, son de conocidas simpatías e incluso vínculos co Kremlin, aínda que nalgúns casos, particularmente desde o comezo da guerra de Ucraína, esforzáronse cando menos en manter distancias (mais non necesariamente romper) eses vínculos con Moscova.
Se unimos estes resultados cos do Partido Popular Europeo (PPE), as forzas conservadoras, dereitistas e ultradereitistas superan hoxe o 50% dos representantes da nova Eurocámara. Este empuxe ‘ultra’ condiciona a vitoria pola mínima do PPE por riba dos bloques socialdemócrata, liberal e centrista. A nova ecuación de poder na Eurocámara implicará equilibrios en diversas bandas nas que, probablemente, o PPE evitará en moitos casos realizar un ‘cordón sanitario’ contra a ultradereita. Mais ben existen razóns para pensar o contrario: a presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, xa se encargou de “normalizar” e “branquear” a eses partidos ‘ultras’ moi seguramente persuadida de que precisará deses apoios para ter maiorías na Eurocámara.
Pero vexamos eses exemplos máis significativos que poden intuír esta ‘vitoria electoral’ de Putin. Alternativa por Alemaña (AfD), partido a quen diversos sectores acusan de presuntos vínculos co Kremlin, convértese agora na segunda forza política nese país (14,5% dos votos) por detrás dos conservadores da CDU. Expulsado do grupo parlamentario europeo Identidade e Democracia (o mesmo onde está VOX, por certo consolidado tras estas eleccións como a terceira forza política española) por declaracións de simpatía co nazismo, o avance de AfD supón un golpe electoral para o chanceler socialdemócrata Olaf Schölz, un dos baluartes de aumentar a axuda militar a Ucraína e de incluso utilizar armamento da OTAN contra Rusia.
En Francia, Rassemblement National (RN) de Marine Le Pen, unha variante da Fronte Nacional, asestou un duro batacazo electoral ao presidente Emmanuel Macron, xunto a von der Leyen o líder europeo máis entusiasta en soster a axuda financiera e militar ao presidente ucraíno Volodymir Zelensky e en crear un exército europeo para “repeler a ameaza rusa”. A RN alcanzou o 31% dos votos que lle darán 30 deputados en Bruxelas. De tal magnitude foi a derrota de Macron este 9X que veuse na obriga de disolver a Asemblea Nacional e adiantar eleccións lexislativas.
En Austria a ultradereita de FPÖ volve a liderar a política dese país (25% dos votos) Este partido crítico coa axuda militar e financeira a Ucraína e que pide negociar con Rusia foi precisamente acusado no pasado de presuntamente recibir financiamento do Kremlin. Na veciña Hungría está todo “atado e ben atado”: no poder desde 2010, Viktor Orbán, aliado de Rusia e de China, volveu a arrasar cun 84% dos votos. En Romanía, a ultradereita de Alianza para a Unión dos Rumanos é a segunda forza política dese país, un aspecto a tomar en conta ante as posibles reivindicacións nacionalistas e territoriais co respecto á veciña Moldavia e as implicacións que isto pode ter nun escenario de tensión como Transnistria, que implicaría a Rusia. E non esquezamos que en Eslovaquia goberna Robert Fico, visto desde círculos de Bruxelas como un presunto “prorruso”.
En Italia, a nova estrela da dereita extrema europea, a primeira ministra Giorgia Meloni (partido Fratelli de Italia) avanza en éxitos electorais: 27% dos votos; a isto se pode engadir o 8% dos alcanzados por Lega de Matteo Salvini, a quen no pasado tamén se lle coñeceu polas súas simpatías por Putin.
Este avance da ultradereita, con todos os seus prismas e matices, pode tamén evidenciar o malestar de milleiros de europeos contra as súas elites. O sentimento europeísta imperante nas institucións e sociedades europeas desde 1950 observa agora como outros partidos pulsan por “outra Europa” a favor dos “nacionalismos”, contra a “burocracia europeísta de Bruxelas” e a “inmigración ilegal”, tal e como proclaman algunhas das súas voces. Isto supón unha erosión interna da UE, e máis cando o histórico motor franco-alemán que ten sostido o proxecto europeísta vese agora contrariado polo avance desta axenda ‘ultra’ ata o 2029; curiosamente coincidindo co novo período presidencial de Putin (ata 2030)
“Este avance da ultradereita, con todos os seus prismas e matices, pode tamén evidenciar o malestar de milleiros de europeos contra as súas elites”
E todo isto ocorre a escasos días de realizarse en Suíza un Cumio para a Paz de Ucraína (15-16 de xuño) Un encontro no que incomprensiblemente non está convidada Rusia, parte integral desta crise. A ausencia rusa motivou a que países con peso xeopolítico como China, Brasil e Arabia Saudita, entre outros, tampouco asistan a este cumio, a pesares dos esforzos realizados por Zelensky na súa recente xira internacional. Un Zelenksy que hoxe vese máis acurralado nas súas expectativas de “gañar a guerra” ante o avance no Parlamento e nas institucións europeas de partidos políticos precisamente críticos con esas axudas e de levar adiante unha guerra frontal contra Rusia.
O pasado 6 de xuño, previo aos comicios europeos, celebrouse en Normandía o 80º aniversario do histórico desembarco aliado (1944) que impulsou a derrota do nazismo. A conmemoración desta vitoria sobre o nazismo contou coa presenza de Zelensky, Macron, Schölz e von der Leyen, toda vez Rusia tampouco foi convidada. As elites da UE e boa parte da opinión pública europea evitan recoñecer a enorma aportación da URSS, se cadra más decisiva en Stalingrado que en Normandía, desa vitoria aliada contra o nazi-fascismo.
Pero o que debía ser unha conmemoración histórica a favor do europeísmo terminou empañándose cos resultados electorais do 9X; un toque de atención que indica que a UE xa non será a mesma, nin tan europeísta nin tan capacitada para sepultar os seus pantamas do pasado, diluída nos seus dilemas e contradicións. Teremos un novo Parlamento Europeo mais polarizado, tendente á austeridade económica, incluso atascado en aprobar cuestións clave como o mantemento da axuda a Ucraína e a perpetuación das tensións con Rusia. E aquí radica especificamente esa perspectiva de reflexionar porqué o verdadeiro gañador este 9X, directa ou colateralmente, foi Putin.