Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa executiva provincial, reunida na tarde-noite de onte, vén de manifestar que “estamos ante unha obriga histórica: o apoio unánime ao inicio das negociacións coa finalidade de propiciar un goberno de cambio na Deputación de Ourense”. Os e as socialistas acordaron tamén respaldar ao seu secretario xeral, Rafael Rodríguez Villarino, como “interlocutor natural das negociacións”.
Os ocialistas recollen tamén o sentir dos alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia, así como dos voceiros e das voceiras dos diferentes municipios, que avalan e promoven a necesidade deste cambio no goberno provincial.
Dende o PSOE ourensán abren deste xeito a vía do “diálogo” con Democracia Ourensana e co Bloque Nacionalista Galego co “único” obxectivo de chegar a acordos que permitan por fin a 36 anos de gobernos do clan Baltar e a 44 anos de gobernos da dereita na provincia. Os e as socialistas consideran que “estamos ante unha obriga e unha débeda histórica con esta provincia e cos veciños e veciñas dos 92 concellos da provincia, que decidiron non darlle a maioría absoluta ao Partido Popular”.
A executiva provincial considera “primordial” buscar dito acordo para aparta o PP do goberno provincial e por fin deste xeito “a rede clientelar e caciquil promovida polos populares e consistente nunha trama de reparto indiscriminado de fondos públicos entre concellos afíns, co único fin de comprar vontades e de castigar a aqueles concellos que apostan por outras siglas distintas ás do PP”. Neste senso tamén afirman que a provincia “non pode seguir nin un minuto máis nas mans do clan Baltar e do Partido Popular, que levaron a Ourense a encabezar tódolos ránkings negativos a nivel nacional”.