Santiago de Compostela | A exposición Afonso X e Galicia, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) para ofrecer a conexión galega do Rei Afonso X, chega a Cuba no marco do programa da VII edición de “Confluencias medievais. 800 años de sabidurías”.
A Cátedra de Estudos Galegos da Universidad de la Habana organiza esta cita anual que busca difundir o patrimonio artístico e cultural da Idade Media, prestando especial atención á cultura galega, cun programa centrado no Rei Sabio.
A mostra inaugúrase mañá, 25 de xaneiro, na Facultade de Artes e Letras coa presenza de Arantxa Fernández, directora da Cátedra de Estudos Galegos e de Laura López García, conselleria cultural da embaixada de España en Cuba.
A capital de Cuba celebra anualmente desde 2016 un evento musical e cultural que pretende poñer en valor o legado medieval. No marco do programa desta edición, a Cátedra de cultura Gallega e a Facultade de Belas Artes de la Universidad de la Habana, acollen a inauguración da mostra do CCG, Afonso X e Galicia.
“A capital de Cuba celebra anualmente desde 2016 un evento musical e cultural que pretende poñer en valor o legado medieval”
A exposición documenta unha faceta pouco coñecida do rei Sabio e convida a coñecer a súa influencia a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino e tamén o esplendor da cultura galega na etapa medieval.
A exposición, que estará aberta ata o mes de abril en diferentes espazos da Facultade de Artes e Letras presenta a dimensión humana do monarca, a súa vida e conflitos persoais xunto co seu labor científico, histórico e cultural. A exposición está adaptada a este espazo, xa que se trata dunha versión máis reducida da que actualmente se pode visitar en Lugo.
A mostra presenta as grandes contradicións do Rei Sabio desde os seus grandes logros culturais, pero tamén os seus fracasos e contradicións. Amosa a biografía de quen soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo. Nos diferentes paneis pode verse a un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que enxalza a figura de Santa María, o que lle ocasionou un grave conflito co cabido compostelá que non vía con bos ollos este culto.
“A mostra presenta as grandes contradicións do Rei Sabio desde os seus grandes logros culturais, pero tamén os seus fracasos e contradicións”
Ademais tamén se deixa ver a importancia da lingua no seu proxecto. Tamén se percibe como empregou a lingua castelá na chancelaría e o galego na invocación a Deus e á Virxe coa intención de relegar o latín dos clérigos nunha estratexia político-cultural.
Ademais, a mostra tamén afonda na visión de universalidade do monarca no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica.
Máis actividades do programa
A exposicióin inaugúrase no marco dun programa titulado “Confluencias medievais” que vai ser inaugurado por Alejandro Sánchez, decano da Facultade de Arte e Letras, e máis pola presidenta da Cátedra Galega, Arantxa Fernández.
Abren as conferencias científicas un panel de Lingüística onde a doutora Marlen Domínguez ofrecerá un relatorio titulado “Alfonso X, el nacimiento del castellano culto”. De seguido, María del Pilar Pittaluga ofrecerá unha lectura a partir da súa tese titulada “De Camelot a Saor: la representación de Galván en la novela de Darío Xohán Cabana”. O programa remata cun concerto didáctico de música medieval titulado “Cantigas de Santa María de Alfonso X” a cargo do grupo Ensemble Lauda.
Ligazóns relacionadas
http://consellodacultura.gal/exposicions/axg/
Programa (no web da Universidade de la Habana)
http://www.uh.cu/noticia/confluencias-medievales-800-anos-de-sabidurias