Mondariz | Este venres 15 de xullo, ás 22:00 horas, foi inaugurado no histórico edificio da Praza de Abastos de Mondariz, coa presenza de representantes da Plataforma Vía Galega e deportistas da contorna
Este verán, a Praza de Abastos de Mondariz acolle a exposición itinerante “Galiza: un pobo, unha selección”, que presenta a historia do deporte galego a través dunha serie de paneis informativos. Esta mostra está promovida pola Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 colectivos sociais, culturais e deportivos, e enmárcase nunha campaña a favor das seleccións deportivas galegas.
O acto de inauguración será este venres, 15 de xullo, ás 22:00 horas. Está prevista a presenza de Adrián Bravo, en representación da Plataforma Vía Galega, e de Marcos Lage, deportista local do Club Tea de piragüismo. Ademais de presentar a exposición, proxectarase un vídeo relacionado coa campaña “Galiza: un pobo, unha selección”.
Esta mostra forma parte dunha campaña para reclamar que Galiza, como pobo, teña dereito a formar seleccións propias para competir profesionalmente e a nivel oficial en todos os deportes, tanto en competicións masculinas como femininas, e que os/as deportistas teñan garantido ese dereito. Tamén busca fortalecer a conciencia nacional mediante o deporte, potenciar os deportes populares, incidir na galeguización do deporte e impulsar a igualdade de xénero.
A exposición estará aberta ao público na Praza de Abastos de Mondariz desde o 15 de xullo até o 17 de agosto, durante o horario de apertura do edificio. “Este ano, celebraremos o 25 de xullo cunha exposición que reivindica a galeguidade a través do deporte”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
Como se indica no propio manifesto desta campaña da Plataforma Vía Galega, “as seleccións nacionais deportivas representan todo un pobo, danlle acougo a un sentimento colectivo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a unha nación; afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social, pois o deporte non só é fonte de saúde, tamén axuda a vertebrar a sociedade e tende lazos de amizade e solidariedade”.