Ponteareas | Os ‘Obradoiros’ da Facultade Ágora remataron hoxe en Ponteareas cun aplauso xeral ao modelo da vila implantado dende a chegada do actual goberno local, que permitiu aumentar a calidade de vida da veciñanza e que gañou, só nos últimos tres anos, 40.000 metros cadrados de espazo público para as persoas retirándollelo aos coches.
A vila do Condado foi escenario do último dos talleres de traballo da Deputación neste 2022 que pretenden formar a representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia sobre como recuperar o espazo público e fomentar as mobilidades activas. Segundo subliñou o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, Ponteareas é un referente de como se deben facer as cousas recuperando a vila para a xente desenvolvendo unha filosofía que é unha “onda imparable” a nivel mundial, unha afirmación que tamén corroborou a enxeñeira civil portuguesa Paula Teles, quen participou no taller como observadora externa.
O nacionalista destacou que o traballo feito en Ponteareas “é dunha especial satisfacción” porque foi o concello co que a Deputación iniciou tamén o seu cambio de modelo para fomentar a mobilidade natural fronte á motorizada. “Lembro no 2015 ao alcalde Xosé Represas dicíndome que quería facer cousas e que non sabía como. Dende aí soubemos que a Deputación tiña que ser un apoio para axudar aos concellos no novo modelo e comezamos a facer cousas. Hoxe Ponteareas ten un proxecto claro e é un entusiasta participante da Rede Ágora de Concellos polo espazo público”, destacou.
A alcaldesa Cristina Fernández, pola súa banda, explicou ás persoas participantes ao taller (persoal de varios concellos da provincia, dos colexios de Arquitectura e Enxeñería así como de empresas de consultoría en mobilidade) que o goberno de Ponteareas, dende 2015, sempre tivo claro que era preciso construír unha vila máis amable.
Destacou que os primeiros anos de goberno se centraron en preparar documentación e construír estratexia e que, a partir de 2019, xa comezaron a executarse obras e melloras. “Tiñamos claras as ideas. A nosa acción de goberno fíxose para transformar Ponteareas de maneira integral. Fixemos unha aposta valente e acertamos nas decisións duras”, salientou, facendo unha lembranza e recoñecemento ao traballo co falecido xefe da Policía Local Benigno Moldes.
Fernández quixo agradecer á Deputación as súas achegas. Salientou que o goberno provincial tivo un “papel esencial” no cambio da vila, xa que achegou fondos, ideas e asesoramento para levar adiante a reforma urbana. Subliñou as subvencións para realizar o plan de mobilidade, o PMUS, os proxectos de sete rúas que conectan coa praza Bugallal, os fondos do ReacPON para a execución dun camiño escolar seguro ou os convenios e proxectos para outras moitas actuacións.
O primeiro tenente de alcalde Roberto Mera completou os datos achegados pola alcaldesa e fixo balance numérico do que se deu en chamar proxecto ‘Ponteareas Vila 10’, nome escollido en referencia á calidade de vida excelente para a veciñanza, e tamén a que se trata dunha localidade na que a mobilidade natural permite desprazamentos a pé en só dez minutos a todos os puntos da vila.
Mera destacou que a recuperación de espazo público entre 2000 e 2019 supuxo gañar ao coches 5.500 metros cadrados para as persoas, unha cifra que se multiplicou por oito nos últimos tres anos (2019-2022), chegando ata os 40.000 m2 actuais. Desas superficies, explicou o concelleiro, preto de 34.000 metros foron grazas a peonalizacións, e outros 6.000 debido á ampliación de itinerarios peonís. Agora mesmo, con execución a futuro medio prazo, sinalou que hai proxectos que permitirán recuperar outros 12.300 metros cadrados para a veciñanza.
Segundo lembrou o nacionalista, no ano 2019 comezou o groso das obras de transformación do núcleo urbano, da creación de itinerarios peonís, de ampliación de beirarrúas, de peonalizacións, de calmado de tráfico, de melloras de aparcamento, e de eliminación de circuítos de tráfico de paso e axitación mediante a súa reordenación, a eliminación de dobres sentidos, a redución de sobreanchos ou os controis de velocidade, hoxe reducida a 20 km/h e a 10 km/h nas zonas de preferencia peonil. “O resultado está á vista. Teremos que ver se tamén nos presentamos a premios como Pontevedra”, dixo a alcaldesa.
Regresa o programa ‘Coidados porta a porta’
Ponteareas acolle este mes unha nova visita do programa ‘Coidados porta a porta’, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia e financiada con fondos europeos ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través do que se presta de balde servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a persoas maiores de 55 anos residentes na vila.
Deste xeito, os vindeiros días 25, 28 e 29 de novembro volverá ao municipio unha das unidades móbiles do programa, que estará situada diante do Concello e que contará con acceso para persoas con mobilidade reducida. As persoas interesadas en ser atendidas e acudir a algunha consulta deberán solicitar cita previa chamando a través dos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992.
Durante estes tres días, as e os ponteareáns poderán facer unha consulta básica de podoloxía, cunha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas, así como eliminación de durezas, callos e helomas. Pola súa banda, no servizo de audioloxía realízanse valoracións e exploracións funcionais da audición e de prevención da perda auditiva, mentres que no de estimulación da memoria unha persoa profesional realizará unha valoración cognitiva e achegará pautas dende unha perspectiva terapéutica de como previr e reducir un posible deterioro.
A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, anima á poboación maior de 55 anos da vila a solicitar cita previa para acudir a estas consultas que “permitirán aos nosos e nosas maiores ter ao seu alcance dun xeito cómodo e gratuíto ferramentas para unha revisión moi importante da súa saúde, pudendo previr problemas máis graves e mellorando a súa calidade de vida”.
As unidades móbiles deste programa volverán visitar Ponteareas ao longo o vindeiro ano 2023 para continuar prestando estes servizos de consulta e atención médica.