O Porriño | A Casa Consistorial acolleu esta mañá a presentación da terceira edición da Fashion Weekend, un evento que se celebrará esta fin de semana e que promete converter a vila no epicentro da moda galega da man do seu comercio local. Organizado polo Concello do Porriño en colaboración co tecido comercial da vila, esta cita consolídase como unha das máis esperadas do ano.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou na súa intervención a importancia deste tipo de iniciativas para a dinamización do comercio e da economía local. “A Fashion Weekend é moito máis que moda: é unha demostración de forza e creatividade do noso tecido comercial. Dende o Concello seguiremos apostando por estas iniciativas que dinamizan a nosa vila, atraen visitantes e apoian aos nosos comerciantes e profesionais”, sinalou o rexedor.
Tamén participou na presentación a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, quen puxo en valor a implicación e o traballo conxunto de todos os actores implicados. “É emocionante ver como, edición tras edición, esta cita medra. Grazas ao esforzo dos nosos comerciantes e salóns de beleza, conseguimos que O Porriño respire moda, ilusión e comunidade durante dous días cheos de actividade”, asegurou.
A fin de semana arrancará o venres 25 de abril coa celebración da Shopping Night, unha noite na que os establecementos comerciais da vila abrirán as súas portas en horario especial, de nove da noite a doce, ofrecendo propostas dinamizadoras, descontos, sorteos, agasallos e moitas sorpresas. Este ano, como novidade, celebrarase unha festa infantil entre as sete e as nove da noite, pensada para que as familias poidan gozar da xornada ao completo.
A música será protagonista tamén durante a noite, coa presenza de seis DJ’s que amenizarán as principais rúas da vila e encherán O Porriño de ambiente festivo. Durante este evento repartirase material promocional do Concello, incluíndo bolsas en cada comercio e rifas para os sorteos que terán lugar o sábado.
O sábado 26 de abril será o momento da Fashion Night, onde a praza Antonio Palacios se converterá nunha gran pasarela ao aire libre. A partir das seis da tarde, desfilarán as propostas de vinte e oito tendas e oito salóns de beleza do Porriño, que amosarán as últimas tendencias en roupa, calzado, xoiería, complementos, maquillaxe e peiteados. O desfile estará dirixido pola xornalista Lucía Rodríguez e contará coa participación da escola de modelos Small Big Models, que colabora de maneira desinteresada por terceiro ano consecutivo, demostrando o seu compromiso coa moda local.
A velada estará tamén cargada de emocións, coa actuación musical de Erika Lewis, o saxofonista Diego Caride, Lucía Samoelle e outras propostas artísticas aínda por confirmar. Durante a noite sortearanse cinco cestas de produtos gourmet entre todas as persoas participantes. Con esta proposta, O Porriño reivindícase como un referente na promoción do comercio local a través da moda, a creatividade e a unión veciñal.