A Feira Cabalar de San Telmo celebrarase o 16 e 17 de abril

Con concursos, exhibicións, espectáculos, xincanas e premios

Tui | A Feira Cabalar das Festas de San Telmo 2023 volve este ano a celebrarse durante dous días. Será o próximo domingo 16 e o luns 17 de abril, Luns de San Telmo, en San Bartolomeu.

Dúas xornadas nas que poderá desfrutarse do deporte hípico, da afección polo mundo dos cabalos e dunha romaría popular que congrega a miles de tudenses e visitantes cada ano.

O domingo día 16 o programa arrincará ás 10:30 h coa Copa San Telmo de Horseball, unha mestura entre baloncesto, rugby e polo. Ás 12:30 h será a quenda do concurso de saltos, con salto de potencia de altura libre, e ás 14:00 h comezará o xantar popular. Xa pola tarde, ás 17:00 h terá lugar unha Exhibición-Concurso de enganche con limoneras, troncos, ponis, novel e children. Ás 19:00 h porá fin á xornada un espectáculo ecuestre da man de Santi Serra Camps, adestrador de cabalos en liberdade con case 20 anos de experiencia.

Xa o luns 17 de abril, Luns de San Telmo, abrirase a feira ás 8:00 h coa compra e venda de gando cabalar. Ás 10:00 h está prevista unha exhibición de Andadura Galega e unha hora despois haberá unha xincana para nenos e nenas e, ás 12:00 h, para público adulto. Ás 13:00 h terá lugar a entrega de Premios Especiais, con galardóns ao Mellor Xinete, Amazona, Cabalo, Poni, Carruaxe, Burro, Mula, Xinete máis xove e Amazona máis xove. Tamén se entregaran premios ao Tratante con máis Cabezas, Burros, Ponis e Cabalos. Ás 13:30 h pecharase a Feira deste ano, de novo, co espectáculo ecuestre de Santi Serra Camps.

Durante toda a Feira Cabalar, ofrecerase Poni Club (bautismo hípico para nenos) de xeito gratuíto. Ademais porase a disposición dos asistentes un carruaxe para paseos, tamén gratuíto.

Programa
Domingo 16
10:30 h – Horseball – Copa San Telmo
Triangular de Sub21
Doble Sub 13 – Copa San Telmo
12:30 h – Concurso de Saltos
Salto de potencia altura libre
14:00 h – Xantar popular
17:00 h – Exhibición Concurso de Enganche
Limoneras, Troncos, Ponis, Novel, Children
19:00 h – Espectáculo ecuestre
Santi Serra Camps

Luns 17, Luns de San Telmo
8:00 h – Apertura da Feira
Compra e venda de gando cabalar
10:00 h – Exhibición de Andadura Galeg
11:00 h – Xincana Paralela nenos
12:00 h – Xincana Paralela adultos
13:00 h – Entrega de Premios Especiais
Premio Mellor
Xinete, Amazona, Cabalo, Poni, Carruaxe, Burro, Mula, Xinete máis xove, Amazona máis xove
Premio Tratante
Con máis Cabezas, Burros, Ponis e Cabalos
13:30 h – Espectáculo ecuestre
Santi Serra Camps

Carlos Blanco será o pregoeiro das festas de San Telmo 2023
O actor galego Carlos Blanco será o pregoeiro das festas de San Telmo 2023 en Tui. O actor, natural de Vilagarcía de Arousa, é coñecido pola súa destacada carreira no cinema, a televisión e o teatro. A súa carreira foi recoñecida tanto a nivel nacional como internacional.

O pregón das festas de San Telmo 2023 será lido por Carlos Branco o sábado 8 de abril ás 12:45 h na praza da Inmaculada.

Carlos Blanco é polifacético: presentador, monologuista, actor… Conduciu programas da TVG coma ‘A Reoca’ ou ‘Somos unha potenzia’, o seu papel coma Ladislao en ‘Mareas Vivas’ supuxo o lanzamento na súa carreira. Dende entón ten participado en películas coma El lápiz del carpintero (2003), Heroína (2005), Cargo (2006), Volver (2006), o La playa de los ahogados (2015), entre moitas outras. Actuou en series coma Fariña o La Unidad, así coma serie portuguesa Santiago, e na segunda temporada de Rapa. Ten representado multitude de obras teatrais, está en xira con “Tercer cuerpo” de Claudio Tolcachir. Arestora traballa na posta en escena de Síbaris, a única obra teatral escrita por Domingo Vilar, que, dirixido polo seu fillo Lois Blanco , ten previsto levar aos escenarios no outono.

Na súa carreira ten recibido numerosos premios entre os que destacan o Premio Rebulir da Cultura Galega na modalidade de Artes Escénicas, o Premio Mestre Mateo, o Premio da Unión de Actores. Ademais, é un recoñecido activista social, comprometido con diversas causas.

O Concello de Tui convida á cidadanía e visitantes a gozar do pregón das festas de San Telmo 2023, no que Carlos Branco dará inicio ás celebracións coas súas palabras. A cidade de Tui prepárase para vivir unhas festas cheas de alegría, música, baile e tradición entre o 8 e o 17 de abril, e a presenza de Carlos Branco como pregoeiro será, sen dúbida, un dos momentos destacados.

Proximamente darase a coñecer o programa completo das festas que se poderá consultar tanto na web municipal tui.gal, na APP Concello de Tui, e nas redes sociais.

Nena Daconte e Rafa Sánchez abrirán musicalmente as festas
Nena Daconte e Rafa Sánchez abrirán musicalmente as festas de San Telmo o próximo sábado, 8 de abril, ás 22 h no Espazo Feiral na rúa Mártires de Sobredo. Estes dous destacados artistas do panorama nacional presentarán un espectáculo musical no primeiro día dos festexos patronais de Tui. A entrada será gratuíta.

O público asistente gozará dun evento de gran calidade artística no que se fusionarán os grandes éxitos de ambos artistas.

Tras máis de tres décadas formando parte de La Unión Rafa Sánchez no seu directo ofrecerá grandes temas da banda coma ‘Lobo hombre en París’ ou ‘Maracaibo’ xunto aos novos temas que ten composto como ‘Vístete princesa’.

Un imprescindible no concerto será ‘Tenía tanto que darte’ de Nena Daconte xunto a outros temas da súa carreira coma ‘El Aleph’ e os temas do seu novo disco ‘Casi Perfecto’ como ‘Despiértame, Madrid’ e ‘Detrás de cada luz’ que presenta esta primavera. O público poderá gozar do directo destes dous grandes artistas no que vai ser o primeiro gran evento musical das festas de San Telmo 2023.

En breve darase a coñecer o cartel completo de concertos que se poderán gozar durante os festexos patronais de Tui, declarados de interese turístico galego.