Quiroga | A Feira do Aceite de Quiroga cumpre un cuarto de século e celebrarase o sábado 29 e o domingo 30 de marzo. Este ano recupérase a idea do congreso de expertos sobre o aceite de oliva desta comarca.
O sábado terá o formato clásico desde a primeira edición de 2001, co recinto do certame no pobo de Bendilló, no medio da zona produtora de aceite tradicional deste municipio. O muíño de aceite tradicional que se conserva en Bendilló abrirá toda a mañá para que os visitantes comproben como se moía a oliva no que era o primeiro paso do procesado deste froito para a obtención de aceite. E xunto ao muíño abrirán os postos dos produtores, que poñerán á venda os seus respectivos aceites, elaborados con olivas de oliveiras cultivadas no tramo local de val do Sil.
Pero o domingo os postos trasladaranse á capitalidade municipal. O muíño en Bendilló volverá abrir e estará a funcionar para os visitantes que queiran velo, mentres que os postos de venda de aceite estarán na praza do auditorio municipal. Para facilitarlles as cousas, entre as once da mañá e as dúas da tarde, sairá da praza do auditorio de Quiroga un autobús cada hora en dirección a Bendilló.
A organización está a preparar unha serie de actividades paralelas que se celebrarán nas proximidades desta praza, no museo etnográfico, o albergue municipal e o auditorio.
Celebrarase o segundo Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga. O primeiro celebrouse no 2020, cando a pandemia impediu levalo a cabo de forma presencial, como estaba previsto e houbo que celebralo mediante videoconferencias. Haberá unha demostración de cociña na que o aceite local terá un protagonismo fundamental.
O domingo terminará cunha actuación musical, pero antes celebraranse tres catas comentadas de aceite de Quiroga. Dous serán pola mañá e as outras dúas pola tarde. Terán lugar no museo etnográfico, que ese día estará de portas abertas e con visitas guiadas.
Artesanal
“A elaboración tradicional de aceite no Val de Quiroga achéganos ata o noso pasado romano no que tamén da conta o túnel de Montefurado” afirma a organización da mostra do aceite. “As oliveiras milenarias son a orixe da apreciada oliva, madurada polo clima morno do val do río Sil”, din os veciños. Os produtores de aceite de oliva virxe, aseguran que na comarca quiroguesa elaborase de xeito artesanal aínda que non é alleo ás melloras que a ciencia introduce na actualidade. A existencia nesta zona de oliveiras recollese no vello refraneiro, recordan, que dí: Ano xeadeiro, ano aceiteiro. O remedio da tía Mariquita que con aceite todo o quita. Aceite e viño, bálsamo divino. Flor de oliveira en abril, aceite para o candil. Augas por San Xoán, quitan viño, aceite e pan.
Na comarca de Quiroga sempre emplearon o aceite para o consumo doméstico e para elaboración de ungüentos para curar diversas doenzas e para uso cosmético. Dende o ano 2001 o Concello organiza a mostra do aceite no lugar coñecido como As Farrapas de Bendilló onde está fixada a almazara e a capela de San Xoán das Farrapas. O muiño, ubicado nunha construcción de cachotería de lousa con cuberta a unha auga, consta de pía para moer, mazo para prensar e decantadora. Este pequeño inmoble, restaurado no ano 1993, tiña orixinariamente dúas alturas pero unha delas-explican- suprimiuse cando se instalaron as pezas da maquinaria.
A produción de oliva autóctona está aumentando no Val de Quiroga xa que logo dende hai dezaoito anos plantanse novas oliveiras ao tempo que se recuperan as vellas árbores que estaban sin podar e abandonadas. No ano 2007 a producción era de 50.000 a 60.000 quilos de oliva. A celebración ininterrumpida da mostra do aceite diu sona ao aceite de Quiroga.
Nas fotos, a almazara e as casetas para venta de botellas de aceite e outros produtos, na anterior ubicación en Bendilló, a oito quilómetros de capitalidade municipal.