Ribadavia | A organización da Feira do Viño do Ribeiro (C.R.D.O. Ribeiro e Concello de Ribadavia) presentou esta mañá no salón de plenos do Concello de Ribadavia o cartaz que anunciará a 58ª edición, que este ano se celebrará o último fin de semana do mes de maio, os días 28, 29 e 30 de maio de 2021, en formato “combinado” entre actividades presenciais e virtuais.
O cartel creouno a artista gráfica Ari Quintas Núñez, formada na escola de Artes Aplicadas e deseño “Antonio Failde” de Ourense. En relación ao cartel comentou que “a imaxe alude ao vínculo coa terra que agora máis que nunca reclama atención e respecto. O cariño, a fusión entre a natureza e as e os que a traballan. É unha aperta aos viñedos en agradecemento pola súa xenerosidade. Esa é a idea principal que quero transmitir con esta composición”.
No acto estiveron presentes, ademais da deseñadora Ari Quintas, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Casares, a alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez e a tenente de alcaldesa, Paula Rodríguez.
Ari Quintas
Natural de O Carballiño. Estudou deseño gráfico na escola de Artes Aplicadas e deseño “Antonio Failde” de Ourense. Actualmente traballa como freelance. Deseñou os carteis das XOCIVIGA (Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia) desde 1997 ata 2001.
Deseña a cartelería da feira de artesanía Pepa Loba. Tamén creou o cartel da Festa do Pulpo de O Carballiño en 2018, 2019 e 2020. Por último resaltar que colabora coa cartelería dos colectivos polo estudo e reutilización artística dos vertidos plásticos da costa, “Mar de Fábula” e “RetoqueRetro” de A Coruña.