Mos | A Festa da Rosa celebrouse hoxe no Pazo de Mos esgotando as existencias de empanada de millo durante a mañá. Todo un éxito para a 25 Edición da Exaltación da Empanada de Pan de Millo que, desde a súa posta en marcha, corre a cargo das Mulleres Rurais de Mos.
Pola súa banda o Concurso de Rosas de Mos cumpría hoxe 31 anos e os gañadores nesta edición foron: as mellores rosas da parroquia de Cela foron as de Ángeles Rodríguez, as de Dornelas de Dionisia Alonso, as de Tameiga de Ramón Alonso, as de Torroso de Isabel Lago, as de Pereiras de Abel, as de Sanguiñeda de Mariví, as de Guizán de María Lago Taibo, as de Mos de Patricia Domínguez, as de Petelos de Bea Cabaleiro e as mellores rosas da parroquia de Louredo foron as de Pilar Domínguez. De todo o municipio, as escollidas como mellores rosas mosenses foron as da parroquia de Torroso de Isabel Lago.
En canto ao Concurso de Empanadas de Millo, a Mellor Presentación foi para Alberto Santos, o Mellor Sabor para Antón Rodríguez, e a Empanada Máis Grande foi a de Panadería Luisa.
Durante a mañá de actos oficiais do Día da Rosa celebrouse unha Misa Solemne oficiada polo Bispo Luis Quinteiro Fiuza na que se fixo unha ofrenda aos Marqueses de Mos enterrados na Igrexa de Santa Baia, e tamén se realizou un irmanamento co Concello de Ponteareas, xa que os alfombristas da vila ponteareana confeccionaron unha fermosa alfombra fronte ao Pazo. A alcaldesa de Ponteareas e deputada provincial de Turismo, Nava Castro, recibiu de mans da rexedora local mosense, Nidia Arévalo, o símbolo da rosa de Mos como sinal de irmandade.
Entre outras autoridades tamén estiveron presentes hoxe en Mos o presidente da Deputación, José Luis López, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Allegue, e o de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, que foi nomeado Valedor da Rosa de Mos.
A mañá estivo amenizada musicalmente pola Unidade de Música da Escola Naval Militar de Marín, e polo grupo de voces femininas Sisters in House. A Misa Solemne foi cantada polas corais de Santa Eulalia de Mos e ASOMAMOS, que se uniron nesta celebración eucarística.
Esta 51 edición da festa, tras medio século de historia, é o comezo dunha nova etapa. Arévalo explicaba na súa intervención que “iniciamos unha nova etapa tras 50 anos con este novo enclave no Pazo de Mos. Por suposto coa inmensa gratitude que corresponde cara a veciñanza da parroquia de Petelos onde se celebrou ata o de agora, na Praza do Concello”. “Con este cambio de ubicación pretendemos poñer en valor a orixe da festa, xa que a historia da rosa de Mos vén do Escudo do Marquesado dos Quirós e os primeiros Marqueses están enterrados na Igrexa de Santa Baia” detallaba a alcaldesa. Ademais a primeira Casa Consistorial mosense tamén estivo neste mesmo lugar, e co traslado da celebración optimizaranse recursos nun mesmo espazo coas características óptimas para que a Festa de Interese Turístico de Galicia siga crecendo.
Outra protagonista de honra esta mañá foi a pregoeira Tamara García Romero. Mosense da parroquia de Guizán con gran proxección nacional polo seu enorme éxito en medios audiovisuais e redes sociais. De gran carisma e simpatía, leva o nome de Mos e de Guizán, a súa parroquia e da túa familia, alí onde vai. Ademais da súa carreira como creadora de contido viral en redes, Tamara está avalada pola súa experiencia e formación como publicista e deseñadora de moda, o que a convirte nunha muller mosense da que a súa veciñanza se sinte inmensamente orgullosa. A pesares da súa xuventude, é unha muller entregada e traballadora, polo que está a recoller os éxitos que consegue a base do seu esforzo. Inmellorable embaixadora mosense, divertida e grandísima comunicadora.
Concello organizou paralelamente aos actos institucionais o campamento A Rosiña na contorna do Pazo. Foi gratuíto para as familias e permitiu conciliar a nais e pais durante unha xornada na que a maioría traballa aínda que os seus fillos e fillas non teñan cole.
O momento máis solemne dos actos deste festivo local foi o da creación da ORDE DOS VALEDORES DA ROSA DE MOS. A rexedora local mosense explicou que “creamos esta Orde para continuar a impulsar o simbolismo e a importancia da Rosa de Mos nesta nova etapa que comezamos coa 51 Edición, tras medio século de historia da Festa da Rosa”. Así mesmo Arévalo informou de que a Orde está creada no ámbito local e galego pero sen límites territoriais.
Ás 6 primeiras persoas Valedoras da Rosa da historia de Mos se lles impuxo a insignia da Rosa de Mos e asinaron o Libro de Honra da Rosa, así como fixeron o xuramento de fidelidade á Rosa, adquirindo os 10 compromisos rexistrados no Decálogo da Valeduría da Rosa de Mos.
A alcaldesa destacou que “como alcaldesa síntome enormemente emocionada de poder entregar este merecido título de Valedores/as a estes 6 primeiros nomeados que son persoeiros que tiveron e teñen un papel fundamental na difusión, historia, cultura e progreso do Concello de Mos”.
Os 6 primeiros Valedores/as integrantes da Orde da Rosa de Mos son:
– Dona Uxía Dominguez Senlle, (Sanguiñeda, Mos, 19 de novembro de 1962) artista mosense coñecida como Uxía.
– Don Justo José Gonzalez Ballesta, (Lugo, 9 de outubro de 1951) médico e político galego, alcalde de Mos no periodo comprendido entre 1986 – 1989 e 1991 – 1997.
– Don Luis Quinteiro Fiuza (Sabrexo, 26 de xuño de 1947) sacerdote católico español de Santiago de Compostela (1999-2002), bispo de Ourense (2002-2010) e bispo de Tui-Vigo (2010-2024).
– Don Rogelio Garrido García (Vigo 1968) periodista, director de ‘Faro de Vigo’ desde 2019.
– Don José López Campos (A Estrada o 22 de marzo de 1974) político galego, alcalde da Estrada desde 2011 a 2024 e actual Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.
– Fundación Pazo de Mos Como fundación de interese galego, na sección cultura, que contribue á realización de fins de interese xeral, cun derradeiro fin de desenvolvemento de todo tipo de actividades e eventos turístico-culturais, sociais, empresariais e deportivos.
Sobre eles a alcaldesa mosense destacou que “merecen a honra de pasar a inaugurar a Orde dos Valedores da Rosa de Mos polo seu labor e xenerosa colaboración co municipio. Que dicir da nosa artista Uxía ou do ex alcalde Ballesta. Primeiro alcalde que puxo en valor a Rosa, ensalzou a figura e o símbolo emblemático da rosa, e impulsou a Festa como principal celebración do Concello de Mos. Don Luis Quinteiro Fiuza bispo de Tui-Vigo de 2010 a 2024 estivo profundamente vencellado a Mos nestes últimos 14 anos e colaborou activamente facilitando a boa consecución de melloras nas Igrexas e contornas do noso municipio. José López Campos Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, que co seu nomeamento comprometerase velar polo progreso e o futuro do noso municipio dende a súa Consellería e a seguir promocionando a nosa cultura e á nosa mocidade. A Fundación Pazo de Mos como promotora e executora da recuperación da nosa historia: o noso Pazo de Mos e da súa contorna e Rogelio Garrido García, director de ‘Faro de Vigo’, que é promotor e difusor esencial e diario da realidade e a actualidade de Mos”.