O Covelo | O Concello de Covelo celebrará o vindeiro martes día 25 as súas festas patronais e do churrasco con concertos, verbena, tirada de foguetes e postos de artesanía. A festa da xuventude abre o programa de festas esta noite a partir das 23:30 na praza Mestre Cerviño onde os Djs porán música e moito ritmo. Esta noite, ademais da oferta hostaleira do centro urbano, tamén haberá un posto de pizza italiana.
O programa continúa e, dentro da programación do Verán Cultural, o 23 de xullo organízanse varias quendas para poder participar na visita guiada ao Serradoiro dos Carranos, en Maceira, da man do guía de montaña Julio Eiroa. O 24 de xullo chegan as verbenas coa orquestra Ritmo Joven a partir das 23:30 horas e o día 25 ás 12 horas haberá misa seguida de procesión acompañada da actuación da Banda de Música Municipal de Mondariz.
Co obxectivo de que todas as persoas propietarias de animais de compaña poidan tomar as medidas precisas, o Concello de Covelo informa que a tirada de foguetes das festas patronais e do churrasco serán o día 24 ás 12 e ás 21 aproximadamente e o día 25 de 10 a 13 horas.
Festas do churrasco
O 25 de xullo, día de Santiago, celébranse as festas patronais e tamén a XLII edición da afamada festa do churrasco que este ano servirá ata 2.200 racións de churrasco no campo da feira e 500 racións nos bares e restaurantes colaboradores.
O bar Sebastián en Barcia de Mera; tapería O Buraco de Covelo; o Lugar dos Devas en Cernadela, Godóns; o restaurante da casa cultural da Graña; o bar La Graña; o bar Lemos na Hermida; o bar Cuartel na Lamosa e os bares Río Tea e Plaza en Maceira servirán a ración de churrasco de tenreira, costela de porco e criollo a seis euros, mantendo o mesmo prezo que no Campo da Feira e coa posibilidade de realizar reservas. O obxectivo da festa é gozar dun espazo festivo no que confraternizar as familias e veciñanza que se reencontran nesta xornada.
A partir das 11 da mañá comezarán a venderse no recinto da festa os tickets para degustar a ración de churrasco con pementos de padrón e criollo que se servirá a partir das 14 horas. As persoas que así o desexen poderán pedir a ración de churrasco para levar tanto no Campo da Feira como nos restaurantes colaboradores.
Un ano máis o Concello opta polos pratos biodegradables e contribúe a un planeta máis sostible. O Concello disporá unha mesa para persoas con problemas de mobilidade e para as persoas usuarias da residencia de maiores. Ao longo de todo o día a charanga SDK amenizará o Campo da Feira para dar paso ao concerto de Milladoiro, do programa Musigal da Deputación de Pontevedra, ás 17:30 e Pelepau ás 19 horas.
No Campo da Feira haberá servizo de cantina, postos de comida doce, posto de pizza italiana, pulpeiro, empanadas e postos de artesanía. Á hora da merenda o Club de Fútbol Covelo ofrecerá choripan a partir das 19 horas para que ninguén quede sen merenda.