A Coruña | A catedrática emérita da Universidade de Maine Kathleen March (Rochester, 1949) ingresará na Real Academia Galega como membro de honra o sábado 23 de setembro. A filóloga, autora de traducións e estudos fundamentais para a proxección internacional da cultura galega e fundadora da Galician Studies Association, lerá o discurso titulado Máis alá do manifesto nunha cerimonia que terá lugar no Balneario de Mondariz.
A Academia volverá celebrar así, cento tres anos despois da recepción de Ramón Cabanillas, a entrada dun novo membro na corporación nun espazo que o seu xerente naquela altura, o académico correspondente Enrique Peinador, converteu nun auténtico centro de promoción e mecenado da cultura galega.
O auditorio Infanta Isabel do Balneario de Mondariz acollerá a partir das 17:30 horas a sesión académica, aberta ao público ata completar a capacidade do salón. A directora da Sección de Lingua da Real Academia Galega, Rosario Álvarez, será a encargada de darlle resposta ao discurso da profesora estadounidense, quen chegou por primeira vez a Galicia no ano 1975 para investigar a poesía de Manuel Antonio, coautor do manifesto Máis alá (1922) evocado no título do ensaio co que ingresará na Academia. A tarde rematará cun concerto de Amancio Prada, tamén aberto ao público, que contará ademais coa participación da Coral de Ruada e o coro Agarimos da Terra.
Ambos os actos insírense no marco dun programa -organizado polo Concello de Mondariz-Balneario, a Fundación Mondariz e a Real Academia Galega co apoio da Xunta de Galicia- que arrincará ao mediodía coa recepción dos membros da RAG na casa consistorial. Os académicos e académicas participarán deseguido nunha visita ao Gran Hotel, as fontes de Gándara e Troncoso e mais o Edificio Palacios.
Da tradución de clásicos e obras do s. XXI aos estudos literarios
Kathleen March formouse na State University of New York en Buffalo. Tras se especializar en estudos latinoamericanos cunha investigación sobre as actitudes no Brasil cara aos portugueses continentais, doutorouse pola mesma institución en Español cunha tese sobre o autor peruano José María Arguedas.
Logo de estadías nas universidades de Nova York, Missouri-Columbia, Santiago de Compostela e o Estado de Ohio, desde 1984 ata a súa xubilación impartiu docencia na University of Maine e no ano 2002 doutorouse por dita institución en Creación Literaria coa tese Sea Worlds: De mar a mar. A partir do ano 2000 desenvolveu un método de ensino estruturado como un servizo aberto á comunidade, o que a levou a traballar xunto ao seu alumnado en Honduras desenvolvendo diversos proxectos sociais, culturais e pedagóxicos. Ao longo da súa traxectoria dirixiu numerosas teses e proxectos de investigación.
Ademais de profundar na obra do poeta rianxeiro Manuel Antonio, Kathleen March ten realizado achegas relevantes relacionadas con outros autores galegos como Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo Garza, Xohana Torres ou Rosalía de Castro. A lectura e análise de La hija del mar levouna a profundar desde 1988 na intersección entre literatura, feminismo e nacionalismo en Galicia. Esta foi, en 1995, a primeira das moitas obras literarias que traduciu ao inglés, contribuíndo á proxección das letras galegas no ámbito anglosaxón. Seguíronlle, entre outros, Lieders de Rosalía de Castro (1997), Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo (1995 e 2007), Xente de aquí e acolá de Álvaro Cunqueiro (2011), Tigres de ternura e Rosalía’s Revolution in New York de Claudio Rodríguez Fer (2012 e 2014), Un nicho para Marilyn (2016) e Lume de cobiza (2018) de Miguel Anxo Fernández, Bibliópatas e fobólogos de Emma Pedreira (2022), Pensa nao de Anxo Angueira (2019), Seique de Susana Sánchez Aríns (2021), Memoria para Xoana (2021) e Confusión e morte de María Balteira (2022) de Marica Campo (2022).
Tamén se encargou da edición dos volumes colectivos Festa da Palabra. An Anthology of Contemporany Galician Women Poets (1989) e An Anthology of Galician Short Stories (1991) e trouxo do inglés ao galego o ensaio de Noam Chomsky Sobre o poder e a ideoloxía: as conferencias de Managua (1992). Xa no ámbito da creación, publicou diversos relatos e poemas, tanto en inglés coma en galego.
Kathleen March tamén traballou a prol da proxección da cultura galega como fundadora da Galician Studies Association, precursora da actual Asociación Internacional de Estudos Galegos, creada co obxecto de impulsar os estudos galegos na academia norteamericana e máis adiante ampliada ao ámbito internacional. Foi a súa primeira directora e recuncou como tal nunha segunda etapa entre 2000 e 2003. Participou así mesmo en numerosos congresos e conferencias, con disertacións sobre autoras como as mencionadas Rosalía de Castro e Xohana Torres, Eiléan Ní Chuilleanáin, María Mariño Carou, Carmen Blanco ou Pilar Pallarés, entre outras moitas.
A súa contribución á internacionalización da cultura de noso foi recoñecida co Premio da Cultura Galega no apartado de Proxección Exterior (2015) e a I Bolsa en Residencia Xacobeo para tradutores en lingua galega.