Santiago de Compostela | A folga nas Galiñas Azuis e resto de servizos do Consorcio continuará nos períodos previstos en novembro e decembro. As negociacións do comité de folga coa Xunta de Galicia víronse interrompidas tras 2 reunións durante outubro.
A Xunta non ofreceu en ningún momento solución algunha ou tentativa de achegar posicións. Segundo o comité de folga explica: “Semella que a Xunta entende que negociar é informar do que quere facer coas traballadoras, sen chegar a ningún acordo” A última reunión foi o día 25 de outubro, e dende Función Pública non se aclarou data para unha nova xuntanza.
Segundo comentan as traballadoras do comité de folga, “a negociación volveuse moi dura cando se observou que o Director Xeral de Función Pública non tiña interese algún en negociar”. Despois de 3 anos de conflito as traballadoras séntense ninguneadas. As accións diminuíron a intensidade cando se comezou a negociar pero, segundo aclara o comité, volverán a realizarse coa máxima contundencia.
A presente folga, que se reactivará mañá, convocouse no mes de xuño para comezarse en setembro. Nos dous meses que leva activa realizáronse múltiples contactos e as traballadoras recibiron diversas mostras de apoio de concellos, deputacións e incluso da FEGAMP. As accións principais de protesta foron os cortes de trafico nas principais cidades e os escraches nos actos do Presidente Alfonso Rueda, en xornadas marcadas pola omnipresencia das traballadoras, con máis de dúas accións diarias espalladas por todo o territorio.
As principais esixencias das traballadoras para rematar coa folga son a garantía dunha convocatoria específica no ente, a garantía de oposición non eliminatoria como permite a lei, a retirada do concurso de traslados, unha baremación xusta na que a experiencia se contabilice a antigüidade no Consorcio o triplo que en calquera outra administración, como é usual nestes procesos e se fai para a estabilización do persoal doutros entes instrumentais.
A folga nas Galiñas Azuis continúa en novembro despois de que a Xunta non acadara un acordo no proceso de negociación coa CNT O Comité de folga da CNT no Consorcio Galego de IeB lamenta a falta de espírito negociador da Xunta, que só se sentou na mesa en modo informativo. A CNT non ten liberados, non pertence á mesa de negociación, polo que son as propias traballadoras as que trasladan as súas propostas aos representantes públicos.