O Premio de Narrativa Breve Repsol converteuse nun referente porque é dos poucos galardóns que se conceden na actualidade a un xénero que tantos textos de calidade nos ten dado. A forma das nubes, novela que gañou recentemente o certame, vén confirmar a boa saúde desta tradición. A brevidade da obra obriga a condensar a mensaxe a través da intensificación das emocións e da polisemia duns contidos coidadosamente seleccionados que precisan de toda a capacidade evocadora do receptor.
A protagonista amosa en primeira persoa o seu pairar entre pasado e presente, entre unha adolescencia na que a desgraza detivo as correntes dun devir natural e unha madurez na que as barreiras saltan ante a enxurrada contida. A narradora presenta a traxedia non dita que si adiviña o lector, a traxedia acubillada a agardar pola sombra de Xulieta, aquela que deixa en suspenso os clímax antes de que murchen. Porque os símbolos son necesarios e cárganse de significado para os que saben ler. Para quen vive no seu interior precísase de máis tempo. A protagonista non poderá racionalizar a fatalidade que acompañou á nai, a loucura que envolve o desamor, ata que irremediablemente a sofre. A iluminación a posteriori só pode materializarse a través do trauma. Nese momento cómpre volver a vista atrás para facer balance e comprender á fin. O percorrido cara o saber vai paralelo ao camiño das descubertas do erotismo, que á súa vez, acompaña o recoñecemento da morte. De aí que as interseccións entre adolescencia e madurez acaden todo o seu potencial revelador.
O tipo de temática e a aposta polo instinto como método de coñecemento agudizan o sensualismo; as cores, a beleza, os olores, o tacto dos tecidos axuda a compoñer imaxes e a contrapoñer dous modelos de mulleres, o da nai e o da actriz voluptuosa, sobre os que construírse como persoa. Incluso na dimensión máis carnal onde se medra sumando esgazaduras, onde o corpo é presa para os cans.
A forma das nubes é unha obra introspectiva que encadea preguntas formuladas pola curiosidade de indagar na cara oculta da foto, nas aristas da paixón e da morte. Sen estridencias mais sen disfraces, depurando palabrería para deterse na esencia ante a que non é posible ficar tépedo. Poucas máis cousas se poden transmitir en menos de cen páxinas.