A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reivindicou na véspera do 1 de maio, o compromiso do Goberno local co recoñecemento e a loita a prol dos dereitos laborais e o emprego digno. O rexedor destacou que a efeméride “debe ser día de memoria, pero tamén de reivindicación”. “A defensa dos dereitos laborais vai moito máis alá das súas verbas, significa loitar pola equidade, igualdade e xustiza social”, afirmou. “A pesar das escasas competencias en materia laboral que teñen as administracións locais, desde o Concello da Coruña traballamos a reo para lograr facer desta unha cidade de traballo digno. Por iso activamos unha serie de cláusulas sociais nos contratos públicos”, explicou Ferreiro, “para favorecer o emprego feminino, a contratación de colectivos vulnerable que teñen máis difícil o acceso ao mercado de traballo, e a erradicación dun fenómeno que se está a converter en habitual: o dos traballadores e das traballadoras pobres que, a pesar de ter un emprego, non reciben unha remuneración digna”.
“Sabemos que é complicado, pero é a nosa obriga, tanto deste Goberno local como de toda a cidadanía, loitar a prol da dignidade dos e das traballadoras”, aseverou o primeiro edil, quen destacou o papel da cidade, “marcada desde os seus inicios polo sindicalismo e os movementos obreiros”, na defensa dos dereitos laborais. “Esta cidade progresou en base á forza do traballo das súas xentes, pero tamén en base a forza da súa dignidade e do seu compromiso social. A Coruña na que vivimos recórdanos en todos os seus recantos, desde San Amaro até a Palloza, que fomos impulso e pulmón do obreirismo e do sindicalismo. Debemos manter esa memoria colectiva e seguir loitando a prol da dignidade”, sinalou o alcalde. “Hoxe, véspera do 1 de maio, A Coruña debe celebrar o que foi e o que é en canto á defensa dos dereitos dos e das traballadoras.
Debe recordar e render homenaxe aos seus mártires, ás cigarreiras da Praza da Palloza, e a todos aqueles homes e mulleres que loitaron porque esta fose unha cidade marcada pola dignidade das súas xentes. Unha dignidade inquebrantable, sostida sobre a conciencia social dun pobo que nunca se deixou asoballar”, dixo.
“Hoxe, máis que nunca, é necesaria a memoria colectiva do obreirismo e o movemento sindical. Estamos a vivir nunha situación complicada, marcada por unha precarización sen precedentes na nosa sociedade. Esta non pode ser escusa para ser empregada por ninguén para rebaixar os dereitos laborais”, sentenciou.
O alcalde fixo estas declaracións despois da inauguración esta mañá, na Praza de María Pita, da exposición A forza necesaria, un traballo que analiza, de forma didáctica, a historia do movemento obreiro na Coruña. A exposición, presentada a través de cinco taboleiros de gran formato impresos directamente na madeira, divídese en cinco bloques ou capítulos que dan conta do sindicalismo coruñés a través dunha coidada selección de máis de 150 imaxes que proceden de diferentes arquivos. Entre eles, atópanse o Arquivo Municipal da Coruña, o Arquivo do Reino de Galicia, a Real Academia Galega, o Arquivo Histórico Universitario da USC, e a Biblioteca Universitaria de Compostela; e tamén coa coa participación de entidades como a Fundación 10 de Marzo-CCOO, a Fundación Luís Tilve, a Fundación Moncho Reboiras, a Unión Anarcosindicalista da Coruña e o Proxecto interuniversitario ‘Nomes e Voces’.
No primeiro capítulo, Maio negro e vermello. Alboradas de loita, presenta os pasos do movemento desde os Mártires de Chicago (1886) aos Mártires da Coruña (1901), e recorda o paro iniciado polos traballadores dunha empresa de consumos na cidade, e que se saldou coa morte de oito persoas, a maioría obreiras, e deu lugar á primeira folga xeral do obreirismo galego. No segundo bloque, Axuntémonos todos. A construción sindical, analízase o papel dos xornais e as sociedades obreiras, así como a redención pola cultura. No seguinte capítulo, Loita entre luces e sombras. A república dos soños crebados, as folgas e o papel da muller toman protagonismo, antes de dar paso á Negra noite escura. Memoria do terror, un bloque dedicado ao golpe e a ditadura, e na que se atopa unha lista das persoas comprometidas co movemento obreiro e que foron asasinadas durante este período. O quinto capítulo, Dos agochos á plena luz. Enchendo as rúas, pon sobre a mesa a situación de clandestinidade do movemento e o seu papel durante a Transición, así como os últimos anos de demandas sindicais levadas ás rúas e prazas da Coruña.
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen acompañou ao rexedor durante o acto de inauguración, sinalou que a mostra é “unha homenaxe ás persoas que, literalmente, deron a súa vida para que poidamos vivir nunha sociedade e nunha cidade mellor, un labor que sempre está pendente de construír”. “A historia da humanidade é a historia da loita de clases. Con A forza necesaria podemos ter unha visual, e facernos unha idea, do que aconteceu na nosa cidade, unha A Coruña que sempre foi reivindicativa”, asegurou o edil. O acto de apertura contou coa presenza de Pepe Barro, responsable do proxecto, e con representantes do movemento sindical do municipio.