O Rosal | O certame, que dende as súas primeiras edicións tiña como obxectivo fomentar entre os alumnos da escola de música o estudio, a superación persoal e a competición sa, converteuse xa, dende a edición pasada, nun referente a nivel galego e nesta ocasión tamén internacional, para os xoves talentos musicais, ao estar aberta a categoría de máis idade, a C, a participantes de calquera procedencia.
Así pois, durante a mañá do pasado domingo 27 competiron 15 intérpretes de toda Galicia e tamén de Portugal polos sete postos dispoñibles na fase final que tivo lugar ese mesmo día ás 19:00 horas.
Aparte da contía dos premios (500, 300 e 200 euros), a gañadora do concurso terá nun futuro a oportunidade de actuar como solista coa Banda da Agrupación. Finalmente, e tras unha difícil deliberación debido ao alto nivel de tódolos finalistas, o xurado decidiu concedelo primeiro premio a frautista Ana Mª Fernández Álvarez, o segundo premio o tuba Rubén Fernández Álvarez, irmá da gañadora e ambos procedentes da canteira da nosa escola de música, e o terceiro á saxofonista viguesa Andrea González Pérez.
Na xornada do sábado, destinada a alumnado da propia escola de música ou compoñentes da Agrupación Musical do Rosal os gañadores foron na categoría A, Xiana Aldea González e na categoría B, Laura Riveiro Amorín (ambas saxofonistas), onde tamén obtivo unha mención especial David Pereira Pérez (clarinete).
O concurso, do que este ano se celebrou a súa cuarta edición, fai homenaxe a un dos socios fundadores e principais precursores deste colectivo musical do Baixo Miño, que este ano cumpre 32 anos. Para conmemorar este aniversario a banda de música da Agrupación Musical do Rosal, bauxa a batuta do seu director José Javier Bascoy, ofrecerá este vindeiro sábado día 2 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Rosal, un concerto no que interpretarán un programa variado que de seguro gustará o público asistente, con obras de compositores como Luis Serrano, Rossano Galante, Thomas Doss, José Alberto Pina e Arturo Márquez. A apertura de portas do auditorio realizarase 45 minutos antes da hora de comezo do mesmo.