Bueu | Trala celebración da Gala Escolas Galegas 2022 do Festival Internacional de Cinema de Bueu completouse o palmarés da 15ª edición, co anuncio das curtas gañadoras nas Seccións de Educación Especial, Infantil e Primaria e de Educación Secundaria.
O luns anunciáronse as pezas galardoadas na sección de Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas, levándose ‘Algas Negras’ das rapazas e rapaces do IES Audiovisual de Vigo o premio de 250€ en formación audiovisual e o correspondente trofeo, e na sección de Escolas de Cinema Internacional, con ‘Yi-Yi’ de Giselle Lin da Lasalle College of Arts conseguindo o diploma de finalista nunha axustada disputa coa obra ‘The fall of Ibis King’ de Mikai Geronimo e Josh O’Caoimh, quenes acadaron unha Mención Especial na categoría.
A sétima celebración da entrega de premios para a mocidade, que contou co apoio de Kalandraka e a Fundación Novas, estivo conducida por Bea Campos e tivo lugar ás 11.30 horas do venres 23, coa presenza dos centros de ensinanza finalistas. Estes foron o CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo), o CEIP Do Hío (Cangas), o CEIP Do Carballal (Marín), o CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu) e o CRA Amencer (San Paio) en Educación Especial, Infantil e Primaria, e o IES As Barxas (Moaña), o IES Praia Barraña (Boiro), o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro), o IES Terra de Trasancos (Narón) e o CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) en Educación Secundaria.
Nesta ocasión o acto incluiu as proxeccións de todas as curtametraxes finalistas en cada categoría e, finalmente, fixéronse entrega dos diplomas aos centros participantes e dos galardóns ás pezas gañadoras.
Estas foron, segundo o resolto polo Xurado Escolas, ‘Que van dicir de nós’ do CPI Alcalde Xosé Pichel en Educación Secundaria e ‘Carolina e o corvo de ás brancas’ do CEIP do Hío en Educación Especial, Infantil e Primaria, ambos premios compostos por 150€ en formación audiovisual e un galardón.
Varias actividades clausuraron o MiniFIC na xornada vespertina A programación do Minific, destinada ás nenas e nenos, continuou pola tarde con varias actividades para o desfrute de todos os públicos. Ás 16.00 horas na Sala Multiusos tivo lugar un obradoiro de storyboard da man de Gáidil Bueu, no que as e os asistentes puideron transformar en imaxes unha pequena historia, descubrindo o guión gráfico como unha ferramenta á hora de planificar a creación dun film.
Xa ás 17.00 horas nos exteriores do Centro Social do Mar a mocidade puido desfrutar do Consertasso na Horta a cargo do músico Brais das Hortas, posto en marcha grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra – Pontegal. No concerto, o carismático artista interpretou a varias personaxes fluíndo nos diferentes estilos musicais e amosando un retrato da sociedade actual dende unha perspectiva humorística.
No acto tamén se puido participar nunha degustación de Kombucha por parte de Meraki Ferments. Para rematar a xornada, levouse a cabo a sesión de proxección da Sección Curtas en Familia ás 18.30 horas, na que se visualizaron ata oito pezas internacionais para o público familiar.