A galeguización do noso deporte.

“Aquí tamén se fala” é unha grande iniciativa do I.E.S. Rafael Dieste da Coruña en colaboración con outros 200 dos nosos centros de ensino que tenta espallar nos establecementos comerciais e de hostalería da súa contorna o uso do galego coas clientes e seareiras, acadando grande receptividade tanto no empresariado e persoal dos negocios como nas persoas consumidoras e usuarias dos mesmos.

A equipa que desenvolve esta actividade no I.E.S. Rafael Dieste arestora está a promover a campaña “O Depor é da Coruña” a prol da restitución do nome galego-único oficial da cidade- ao nome oficial da súa equipa no canto do actual deturpado. A alcaldesa da Coruña, a Deputación, a RAG, o conselleiro de Educación, antigos capitáns e xogadores do club como Alex Bergantiños ou Dani Mallo, a Federación de Peñas deportivistas e todos os I.E.S. da Cidade apoian esta remuda que seica vai ser aprobada urxentemente, pois que nin o club nin o seu parceiro maioritário (Abanca) poden enfrontarse sen moi grave dano reputacional a esta maré.

“O I.E.S. Rafael Dieste (…) está a promover a campaña ‘O Depor é da Coruña’ a prol da restitución do nome galego-único oficial da cidade- ao nome oficial da súa equipa”

Este fito é, polo de agora, o último dun proceso continuado de galeguización do deporte galego que sempre naceu das peñas e dos seareiros de base, mais que chegou tamén aos dirixentes deportivos, historicamente refractarios na súa maioría ao uso da nosa lingua e á identificación co país, malia a evidente relevancia que tivo o galeguismo político na fundación do Celta da fusión do Vigo Sporting e do Fortuna (1922) ou do Eiriña pontevedrés e os persoeiros santiagueses da resistencia cultural galeguista no franquismo na fundación da S.D. Compostela (1962).

Cómpre decatármonos da okupación que das directivas deportivas fixeron militares e falanxistas logo do golpe de Estado de 1936 e ao longo dos case 40 anos que durou na Galicia o goberno de feito franquista. Velaí o paseniño que foi o proceso para a permeabilidade dos nosos clubs deportivos a respecto da veciñanza, da cidadanía, de xeito que os estadios futbolísticos e máis os pazos de deportes fosen acubillando manifestacións do vencello dos nosos clubs a respecto da nosa lingua e cultura e dos nosos símbolos nacionais: himno e bandeira. Quizais dos primeiros a saída do Celta e o Dépor ao céspede de Riazor coa bandeira galega (1977) e a aberta ledicia dos seareiros con esta manifestación, sen dúbida precedente da tradición galega de partillar co noso himno os partidos que xogan entre si Dépor, Celta, Rácing, S.D. Compostela, U.D. Lugo ou o Arenteiro, por unha banda e o Obra, Breogán, Basket Coruña ou Club Ourense Baloncesto pola outra.

Indubidabelmente os sentimentos de pertenza e de referencia son construcións psicolóxicas complexas que non poden ser dirixidas dende os relatos paifocamente localistas tradicionalmente aliados dos relatos centralistas primeiro e, despois, abertamente franquistas. A nosa cidadanía adoita escoller referentes galegos no deporte por un sentimento de adhesión a unha idea de País que abrangue á lingua, á cultura e aos símbolos nacionais.

Sermos seareiros de equipas galegas ten moito, cada vez máis, a ver coa adhesión a unha identidade galega. Unha identidade galega plural, aberta, moderna e europea, mais certamente galega e non de ningún outro lugar.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.