En 1984, a proposta da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística, reuníronse en Santiago, en sesión solemne, 197 rexedores municipais para asinaren a “Declaración dos Alcaldes galegos a prol da normalización lingüística”. A excepcionalidade da convocatoria na historia de Galicia converteu aquel acto nun fito histórico de consecuencias positivas porque o galego pasou a ser a lingua oficial das corporacións locais.
O alcance que acadara aquel decálogo no ámbito institucional local dera pé a un proceso de normalización lingüística que abrangueu case todas as competencias da gobernanza municipal. Sen embargo, quedaron focos de resistencia nalgunhas policías locais, que a Escola Galega de Seguridade Pública aínda hoxe non desactivou. O temario formativo non contempla a historia da lingua galega, nocións de sociolingüística, nin o coñecemento do réxime xurídico que obriga ao funcionariado uniformado a acataren o cumprimento do seu uso nas actividades profesionais.
Outra eiva importante que tolle o proceso da transversalidade da normalización lingüística nas administracións locais ten como protagonistas aos profesionais do Dereito, encargados de defenderen os intereses municipais. Estes servizos xurídicos están practicamente externalizados na meirande parte dos concellos; é dicir, non é persoal funcionario; e como nos pregos administrativos para a súa contratación non se inclúe ningunha cláusula esixindo o uso da lingua galega, utilizan maioritariamente o castelán nas actuacións perante os distintos órganos xurisdicionais.
Con este anómalo comportamento fóronse creando nos concellos áreas de xestións que incumpren o mandato legal: “O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma “(art. 4.1.)
Para corrixir esta situación a Irmandade Xurídica Galega, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia convocan para o próximo día 19 a todos os rexedores municipais da provincia, seguindo modelo doutro acto celebrado en Lugo o pasado 29 de xullo. O compromiso asumido pola Deputación e concellos é duplo: galeguizar o tráfico xurídico das corporacións locais, e demandar expresamente dos xulgados e tribunais de xustiza que diten resolucións e sentenzas xudiciais en lingua galega a teor do amparo expresado no artigo 7.2. da Lei de Normalización Lingüística.
“A Irmandade Xurídica Galega, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia convocan para o próximo día 19 a todos os rexedores municipais da provincia, seguindo modelo doutro acto celebrado en Lugo o pasado 29 de xullo”
Cómpre lembrar que o primeiro concello de Galicia que fixo valer ese dereito foi o de Redondela, que motivou a primeira sentenza en lingua galega ditada en 1985 pola Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, formada polos maxistrados Ricardo Leirós Freire, Claudio Movilla Álvarez e Gonzalo de la Huerga Fidalgo, despois de catro séculos de proscrición. Aquel recoñecemento do dereito lingüístico é lembrado nunha placa de bronce situada na fachada da Casa do Concello.
A participación dos alcaldes e alcaldesas no acto convocado é dunha transcendencia importantísima para galeguizar as actuacións das policias locais, servizos xurídicos e a conseguinte contaminación lingüística da Administración de Xustiza.
A convocatoria do próximo día 19 enmárcase na conmemoración do 50º aniversario da celebración do 1º Congreso do Dereito Galego celebrado en setembro de 1972 na Coruña. O regulamento de organización e funcionamento do mesmo estableceu que os relatorios e intervencións orais poderíanse facer en lingua galega. Nas conclusións congresuais recomendouse que “os confesantes ou testemuñas manifestaranlles ao Xuíz ou Tribunal en cal dos dous idiomas queren ser interrogados e as súas respostas serán recollidas no que se manifestase”.
Hoxe a utilización da lingua galega nos procesos xudiciais, orais e escritos, teñen o amparo das leis. Daquela, en tempos da ditadura, non; mais a audacia dos que organizaron o 1º Congreso do Dereito Galego convertéunos en precursores da defensa do noso idioma. Do que se trata agora, cincuenta anos despois, é de que os alcaldes e alcaldesas dean instrucións aos profesionais da avogacía para que cando representen aos concellos en sede xudicial o fagan en galego.
É tempo de mudanzas.