Hoxe publicouse no DOG o Decreto de disolución do Parlamento, abríndose o proceso electoral das nacionais galegas do 18-F. Ten sido estes días bastante comentado a quen lle beneficia o adianto electoral de case medio ano. É verdade que ninguén disolve se non acredita na súa conveniencia, mais na decisión de Alfonso Rueda paira a sombra de Núñez Feijóo. Porque para o pontevedrés non era preciso, en termos autonómicos, anticipar deste xeito as eleccións,. Máis para o dos Peares era preciso un proceso electoral inmediato que certificara o acerto da súa escolla como líder do PP estatal.
Velaí como gañou a proposta de Feijóo para españolizar a campaña, que é o que –cre– lle convén. Saben vostedes os millóns da España española que refugarán que Feijóo coadxuve nunha campaña autonómica de Rueda? Non, Feijóo non terá outra ca enfrontar Sánchez dende todos os seus actos dende Galicia. As nosas eleccións son, para a dereita española, as primarias das europeas que seica han derrotar Sánchez.
Fronte esta españolización da campaña, para acadarmos atención ás nosas solucións, a forza máis operativa é, evidentemente o BNG, que conta, ademais, cunha candidata solvente, Ana Pontón. Mais esta vantaxe inicial implica unha grande responsabilidade: a de estruturar a alternativa ao PP e Rueda, Feijóo, Díaz Ayuso e tutti quanti.
“Fronte esta españolización da campaña, para acadarmos atención ás nosas solucións, a forza máis operativa é, evidentemente o BNG”
Implica mobilizar e concentrar os votos abrindo o abano para que nacionalistas, galeguistas, progresistas, demócratas e actores todos da Galicia do cambio xeren esa onda precisa para pechar catorce anos de continuísmo, adurmiñamento, paralise, desfeita dos servizos públicos e venda dos nosos recursos ás multinacionais enerxéticas, mineiras e concesionais de fóra deste País.
Seica é o momento de que cada persoa pense como foron estes longo catorce anos na Galicia. Se empeoramos ou melloramos. Se é verdade, como acreditan as mellores mentes da nosa Galicia, que máis autogoberno é máis liberdade, máis benestar e máis calidade de vida. Se é mellor ollar para o noso ou apañar torticolise de tanto ollar cara Madrid.
Porque unha españolización da campaña pode ser, en último de contas, letal para a maioría absoluta do PP: Se Feijóo quere exportar o ruído polarizador, o discurso extremista da política madrileña de hoxendía, vai atopar en centos de milleiros unha outra dinâmica, probábelmente tamén en milleiros dos seus votantes de 2020.
É xeralmente aceptado que as eleccións galegas son para debatermos cuestións galegas. Difícil vai ser distraer da cidadania este principio. Se ollamos a xogada en chave galega o cambio é factíbel e beneficioso para a maioría social.
Dende hai case vinte anos o soberanismo galego e as esquerdas estatais sobardan em número de votos ás dereitas. Se dan coa fórmula de mobilización pode haber , mesmo haberá cambio.