A Cañiza | O Alcalde Luís Piña presentou este 12 de novembro, no recoñecido Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar” de Ourense, os activos gastronómicos da Cañiza, abanderados polo xamón, xunto cos cocidos, os viños da zona e a tetilla, a mel e o chocolate.
Nun exitoso acto no que Luis Piña, acompañado das Concelleiras do Goberno e do cañicense e prestixioso cortador de xamón Víctor Burgos, Director dos Concursos de Cortadores da Feira do Xamón da Cañiza, fixeron as delicias dos asistentes, divulgando e dando a saborear todos os nosos productos.
Un ano máis o stand da Cañiza foi un dos máis visitados polo público deste Salón de Turismo. A orixinalidade na presentación, así como a degustación e a excelente calidade dos productos garantiron o apoio e o eloxio dos asistentes.
O Xamón da Cañiza é o maior abandeirado da nosa gastronomía pero tamén o son outros produtos cárnicos de porco que fan que os cocidos da Vila sexan reclamo dabondo para atraer á Cañiza a centos de comensais durante todo o ano.
Así presentou o Alcalde Luis Piña a nosa oferta gastronómica que se completa cos excelentes viños da nosa zona, “Eido da Fonte” de Valeixe e “Abelán” de Foxo-Pintelos, pertencentes á Denominación de Orixe Rías Baixas e os caldos da “Adega Torgo” de Parada cos seus dous viños ecolóxicos de variedade albariña. Xamón e Viño que xuntos crean a maridaxe perfecta cos queixos elaborados na Cañiza da casa «Castro Xaneiro», o mel dos apicultores Inocencio López, Antonio Sendín e Rogelio Rodríguez e os chocolates tradicionais da casa “López”.
Toda unha exquisitez que obriga dunha visita á Cañiza para poder degustala.