Madrid | O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe a última xornada do certame gastronómico Madrid Fusión Alimentos de España. Neste foro, puxo en valor a excelencia dos produtos alimentarios da nosa comunidade, que -salientou- se consolidan día a día coma uns magníficos embaixadores de Galicia e como referentes nas mellores cociñas.
Durante os tres días de celebración de Madrid Fusión Alimentos de España, o expositor da Xunta contou con sesións de cociña e degustacións elaboradas de forma harmonizada con produtos do medio rural e do mar, consolidando o plan de promoción galego dos alimentos con indicativos de calidade.
As demostracións de cociña tamén contaron cos viños das cinco denominacións de orixe galegas -Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras-, que acompañaron da man dun sumiller galego en cada un dos pratos preparados para salientar as características dos mesmos. Ademais, os viños presentes foron galardoados nas Catas de Galicia.
Nesta liña, José Luis Cabarcos destacou a “alianza estratéxica” establecida entre os produtores do sector primario galego e os mellores cociñeiros para poñer en valor toda esta riqueza, algo que se fai evidente en eventos como Madrid Fusión, centrados en potenciar a alta gastronomía a todos os niveis.
Regulación da Intelixencia Artificial
A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, destacou hoxe a importancia da regulación da intelixencia artificial durante a clausura do XVIII Congreso da Asociación Española de Profesores de Derecho Administrativo (AEPDA), dedicado ao Dereito Administrativo na era da intelixencia artificial.
Durante a súa intervención destacou as oportunidades e avances que ofrece esta nova tecnoloxía pero tamén fixo fincapé na necesidade de desenvolver un marco normativo na Comunidade Autónoma, en liña co regulamento europeo de IA, para xerar confianza na cidadanía e nos empregados públicos.
Neste sentido, destacou o liderado de Galicia coa tramitación do Anteproxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, unha norma que permitirá fixar os principios éticos do deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA na Administración e que recoñecerá á cidadanía unha serie de dereitos en relación cos sistemas de intelixencia artificial empregados polo sector público.
Finalmente, incidiu na importante transformación que experimentarán as administracións nos próximos anos, tal e como recoñece a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, que prevé que a intelixencia artificial mellorará o modelo de relación das administracións coa cidadanía a través do uso de datos que permitirán optimizar os servizos prestados e mellorar a fiabilidade na toma de decisións.