Son moitos os ensaios que nos últimos meses observamos dentro da produción editorial para analizar o declive de Occidente. Dende Emmanuel Todd ata Amin Malouf, as estanterías das librarías amosan unha oferta prolífica de estudos que tenta descifrar porqué ese Occidente democrático, capitalista, liberal e plural que ata agora coñecíamos como aparentemente insuperable está experimentando unha cada vez máis evidente e inocultable decadencia de poder. E non só na produción editorial: unha serie estadounidense, “Civil War” na plataforma de pago Netflix adianta un escenario distópico de ficción sobre a decadencia de EEUU.
Esta perspectiva de declive nótase nos esforzos que cada quen fai para ‘arranxar’ os conflitos actuais. Toda vez o presidente estadounidense Joe Biden anunciaba unha axuda militar “histórica” para Ucraína previo ao Cumio da OTAN de Washington (11-12 de xullo) que entronizará ao holandés Mark Rutte como o novo secretario xeral desta organización, o mandatario húngaro Viktor Orbán, en calidade de presidente rotativo da UE, regresaba dunha xira por Kiev, Moscova e Beijing coa finalidade de tentar achegar posturas para concretar un posible cese ao fogo e unha saída negociada dunha guerra, a ucraína, tan estancada como preocupante polo riscoso pulso nuclear. Unha guerra que Occidente sabe que Ucraína non ten posibilidades de gañar, a pesar dos milleiros de dólares e armamento investidos para apuntalar no poder a un Zelensky cada vez máis contestado e impopular no seu país.
Logo está a imaxe dos ‘grandes’ líderes occidentais. Atopamos a un Biden senil, incapaz de articular con garantías un debate presidencial co seu rival Donald Trump. No Partido Demócrata crecen as cábalas dun posible reemprazo electoral aínda incerto mentres o entorno de Biden asegura ir “ata o final”.
Unha imaxe moi contrastada a dan os líderes euroasiáticos, rivais do Occidente ‘atlantista’. Previo ao cumio da OTAN en Washington, o presidente chinés Xi Jinping e o seu homólogo ruso Vladímir Putin volveron a escenificar a súa sintonía estratéxica no cumio da Organizaión de Cooperación de Xangai (OCX) celebrado a semana pasada en Kazajistán.
Tralo fracaso do Cumio da Paz para Ucraína celebrado en Suíza, Washington e os seus aliados europeos apostan pola continuidade da guerra “ata o último ucraíno” (Biden dixit), Beijing, co beneplácito do seu aliado ruso, impulsa iniciativas de negociación que, cando menos, resultan máis coherentes e efectivas, fortalecendo ó mesmo tempo as expectativas chinesas de reconducir un sistema internacional cada vez máis anárquico.
Visto en perspectiva, Occidente está perdendo a súa capacidade de soft power para a resolución de conflitos mentres China ten capacidade para alcanzar acordos, reforzando así a súa posición de poder emerxente.
“Occidente está perdendo a súa capacidade de soft power para a resolución de conflitos mentres China ten capacidade para alcanzar acordos”
Alén do poder político, o tratamento dos mass media occidentais á xira de Orbán raian no patético. Critican ao controvertido líder húngaro, fortalecido tralas recentes eleccións parlamentarias europeas, como unha especie de ‘monicreque’ de Putin e Xi. Un tratamento menos benévolo que a posición light que Biden co primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, cuxa inxustificada masacre en Gaza comeza a observar unha situación similar á ucraína: unha fronte militar atascada e sen avances mentres a sociedade israelí comeza a rexistrar malestar e protestas contra a guerra, pero non exactamente a favor dunha causa palestina que, cando menos, tamén comeza a rexistrar solidariedade en Occidente.
Pero non é só Biden o protagonista desta ‘decadencia’ occidental. O presidente francés Emmanuel Macron debeu confeccionar unha especie de Fronte Popular plenamente circunstancial para salvar un envite electoral desastroso polo avance da ultradereita de Marine Le Pen (na foto con Putin durante unha visita ao Kremlin en 2016) nas recentes lexislativas francesas. Macron aposta por unha cohabitación onde a esquerda de Jean-Luc Mélenchon pode gañar peso; pero abre un compás de incertezas sobre o futuro da política francesa de cara ás presidencias de 2027, e mais cando o ascenso de Le Pen non é só en París senón tamen en Bruxelas.
A UE tampouco está para experimentos. A cohabitación vía cordón sanitario contra unha ultradereita politicamente dividida tamén se impón por obra e gracia da todopoderosa recén reelecta presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen. O establishment europeísta conservador-socialdemócrata precisa frear tamén dentro das institucions europeas á multiforme fronte da ultradereita na que Orbán, Le Pen e a primeira ministra italiana Giorgia Meloni non terminan de coincidir. Porque VOX xa decidiu integrarse na plataforma ‘ultra’ de Orbán (Patriotas por Europa) no novo Parlamento Europeo que lexislará ata 2029, xunto con outros partidos austriacos e checos. E a movida de VOX vía Orban levarano sixilosamente a Moscova, toda vez Meloni (pro-OTAN e pro-Ucraína) deberá reacomodarse neste novo escenario onde Orbán e Le Pen acordan estratexias comúns. E todos eles mirando tamén para Washington pero non a Biden senón ante a posibilidade dun retorno de Trump á Casa Branca.
En Londres, as eleccións xerais do 4 de xullo puxeron fin a 14 anos de gobernos conservadores cun contundente retorno dos laboristas ao poder, agora en mans de Keir Starmer. Isto non parece, a priori, influír nalgún cambio substancial da política británica co respecto á OTAN e a axuda a Ucraína pero si que pode anunciar un ‘reseteo’ do Brexit, para complacencia de von der Leyen e das elites de Bruxelas.
Non esquecemos tampouco Irán, que elixiu novo presidente na figura Masoud Pezechkian (69 años) considerado un reformista pero con escasa capacidade de manobra nun réxime teocrático profundamente conservador. De orixe kurdo-azerí, a elección de Pezechkia pode revelar un estratéxico cambio político para evitar malestar entre Teherán e estas comunidades étnicas. Tras gañar as eleccións, Pezechkian falou inmediatamente con Putin para reforzar unha alianza xeopolítica que ten puntos de concreción, dende Ucraína ata o propio programa nuclear iraniano. A viraxe euroasiática iraniana mira mais a Beijing e Moscova que a Washington e Bruxelas.
“Os bloques ‘atlantista-europeísta’ e o euroasiático sino-ruso conforman hoxe a nova ‘guerra fría’ do século XXI”
En definitiva, os bloques “atlantista-europeísta” e o euroasiático sino-ruso conforman hoxe a nova ‘guerra fría’ do século XXI. Tras visitar Corea do Norte e Vietnam, Putin visitou India afianzando acordos militares que reforzan o complexo militar-industrial ruso. O eixe Moscova-Nova Delhi consolida as bases dese eixe euroasiático en ascenso, sen desestimar as rivalidades xeopolíticas entre India e China, ámbolos dous membros dos BRICS xunto con Rusia e Brasil. Toda vez, as inquietudes e a incerteza política inundan as prazas de poder occidentais pero sen percatarse que ese declive está en marcha, cunha percepción de final de “belle époque” que retrata un “glamour” cada vez máis insostible. Un século despois, a predición de Oswald Spengler sobre a “decadencia de Occidente” comeza a verificarse con maior nitidez.