A Guarda/BNG | O pleno do Concello da Guarda aprobou a instancia do BNG reclamar do Goberno Central a rebaixa da peaxe da AP9 e aprobar definitivamente a transferencia desta infraestructura á Xunta de Galiza.
Os nacionalistas basearon a súa argumentación en que a AP9 ten unhas tarifas desorbitadas, das máis caras de todo o Estado Español e mentres o Estado rescatou outras autoestradas aquí subiron as peaxes.
Desde o BNG consideran que a transferencia é un primeiro paso para acabar cunha discriminación histórica, e é necesario que se realice libre de cargas, que sexa rescatada polo Estado de igual maneira que se rescataron no seu día as radiais madrileñas.
Mentres a tramitación desta Lei non conclúa -algo que debería ter lugar no actual periodo de sesións-, é preciso que se efectivice canto antes a rebaixa das peaxes da AP9 comprometidos no acordo de investidura co BNG.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz lémbranos que “esta concesión tiña que ter rematado no ano 2013 e que si aínda a seguimos pagando é porque gobernos do Estado tanto do PP como do PSOE ampliaron esta concesión” para acabar concluindo “Hai que rematar xa coa estafa legalizada das peaxes da AP9, o Goberno Central debe rematar con esta vergoña”