A Guarda | No día de hoxe, 23 de decembro, celebrouse no concello da Guarda o pleno no que se debatía a cuestión de confianza do alcalde vinculada a aprobación dos orzamentos municipais para o ano 2021. Antonio Lomba acadou a confianza ao contar co voto favorable do grupo Converxencia Galega e a abstención do BNG, o PP votou en contra como xa fixera no pleno de orzamentos.
O alcalde durante a súa intervención pediu a confianza da corporación apelando a vontade do pobo da Guarda expresada nas eleccións municipais que deu o apoio maioritario ás forzas de esquerdas.
Coa confianza outorgada, Antonio Lomba, consigue levar adiante un proxecto de orzamentos que supón un avance para a localidade ao contar con máis de 1.150.000 € respecto do orzamento prorrogado co que se viña traballando. Como xa informara con anterioridade, este orzamento é totalmente imprescindible para atender as necesidades da veciñanza.
Durante a súa exposición, Antonio Lomba, expuxo as posibilidades de negociación do orzamento que os grupos da corporación non aproveitaron, argumentando que puideron poñer encima da mesa investimentos vinculados ao plan concellos da Deputación de Pontevedra, dada a escasa posibilidade de manobra do orzamento municipal, que tan só reserva 100.000 € para investimentos.
O alcalde da Guarda amosa a súa satisfacción por ter acadado a confianza do plenario xa que os intereses da cidadanía deben estar por riba de intereses partidistas e por riba de nimiedades que non conducen a ningún sitio. A mellora do benestar da cidadanía o é o proxecto e a idea en torno a cal xira a acción política do alcalde e do equipo de goberno. Segundo as súas propias palabras: “ foi un exercicio de responsabilidade poñer a disposición da corporación o cargo de alcalde e o do equipo de goberno, antepoñendo os intereses da cidadanía por riba de todo.”