A Guarda | Este ano 2022 o movemento asociativo da Guarda retoma con moita forza e ilusión a súa festa asociativa tras dous anos do descanso obrigatorio imposto pola pandemia. Así o día 10 de setembro volta a rúa a, neste caso, IV edición da Mostra asociativa, onde o municipio brilla coa presenza de moitas das entidades que dia a día realizan actividades, idean proxectos e prestan apoio, para facer da Guarda un lugar máis cooperativo, participativo e dinámico.
A mostra deste ano arrancará ás 15:30 horas na Praza Avelino Vicente e traerá consigo unha morea de stands no que as entidades tratarán de representar parte do seu traballo e nos que tamén se levarán a cabo actividades diversas como xogos ( interactivos, tradicionais…) obradoiros de nós, chapas, probas de remo ergómetro, sorteos, …
As actuacións de música, canto e baile tamén estarán presentes durante a xornada da man das entidades culturais e deportivas participantes, así como o teatro e as performance, terán tamén o seu espazo na programación do evento.
O broche final este ano estará protagonizado pola baixada de Carrilanas a partir das 19 horas, baixada que tradicionalmente ven celebrando A Gándara, pero que este ano e como parte da rede asociativa, a entidade organizadora trasladou ata o centro da Vila para que forme parte do programa da Mostra.
Agardamos a visita de todas e todos e seguir para adiante con este e outros eventos, dándolle visibilidade a todo o traballo que realizan as entidades guardesas.
Vídeo promocional: https://www.youtube.com/watch?v=3giRS3_5FBw
Xornadas de asesoramento enerxético
O Concello da Guarda, a través do Plan Rehabita, organiza xornadas de asesoramento enerxético, trátase dun asesoramento individualizado sobre temas relacionados coa eficiencia enerxética de fogares e empresas da vila e que se realizará os días 16 e 30 de setembro e 14 e 28 de outubro, en horario de 9:00h a 13:00h con cita previa chamando ao 986610000 ext.2.
Dúas persoas se encargarán deste asesoramento individualizado, Belén Novoa é especialista na área de contratación e sistema de tarifas do mercado eléctrico e Santiago González é un experto no campo das enerxías renovables.
O Concello da Guarda pretende deste xeito mellorar a eficiencia enerxética dos fogares e empresas da vila cun asesoramento individualizado que permitirá aso veciños e veciñas coñecer cales son as solucións existentes no mercado enerxético, a presentación e asesoramento en materia de enerxías renovables, as solucións de calefacción, illamentos, peches, fiestras ou caldeiras de biomasa, entre outras. O obxectivo final é permitir que os veciños e veciñas poidan reducir os seus custes na factura de electricidade, coñecendo as vantaxes da eficiencia enerxética, aproveitando para mellorar o impacto sobre o medio ambiente, empregar novas fontes de enerxía coma as renovables e un aproveitamento óptimo de aparellos eléctricos do fogar para unha correcta eficiencia enerxética.