A Guarda e Caminha abren inscricións para as Andainas de Outono 2022

Con prazas limitadas a realizarse entre outubro e novembro

A Guarda | A Guarda e Caminha retomaron nesta primavera as andainas conxuntas que se tiveron que suspender debido á pandemia e que xa arrancaron este ano coas Andainas de Primavera, e que continúan desta volta coas Andainas de Outono.

As Andainas de Outono 2022 contan con 4 rutas e cun custo de 10€ por andaina e persoa e como en edicións anteriores os participantes galegos sairán da explanada da Sangriña en autocar para xuntarse co autocar de Caminha.

As prazas son limitadas polo que se abre un prazo de inscrición para os interesados dende o mércores 28 de setembro ata ao luns 29 de outubro. A inscrición realizarase na Oficina de Turismo da Praza do Reló, máis información no teléfono 986 61 4546ou no enderezo electrónico turismo@aguarda.es

ANDAINA 1.- SÁBADO, 8 DE OUTUBRO: RUTA Á PORTALÉN: PORTA DO MÁIS ALÓ (A LAMA)
Saída: 8:30h da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 18:00h

Distancia: 11,7 km
Tipo: ruta lineal
Grao de dificultade: medio-alto
Desnivel: 262 metros positivos.
Duración: 5 h
Punto de partida: A Barcia (A Lama).
Percorrido: paisaxe / inmaterial

Descrición:
Ruta lineal que se realizará pola Serra do Cando, a “Montaña máxica do Seixo”. Esta andaina conta con múltiples recursos de gran valor ecolóxico e inmaterial, unha fusión entre natureza e lendas que deixará abraiados aos participantes.

Accederemos ascendendo por unha pista forestal ata a Porta do alén, un lugar onde o mundo do máis aló se xunta co mundo dos vivos, sendo o correo dos mortos.

Nesta zona atoparemos tamén o marco do vento ou a capela de Santa Mariña, e xa camiñando polo cumio, chegaremos a un precioso miradoiro no que, se o día acompaña, observaremos as 3 rías (Vigo, Pontevedra e Arousa).

Xa descendendo pola ladeira entre grandes áreas de matogueiras, atoparemos gando en semiliberdade, rastros e camiños de carro antigos.

Unha ruta moi completa, de dificultade media-alta, con bastante desnivel, pero que satisfará aos camiñantes.

ANDAINA 2.- SÁBADO, 22 DE OUTUBRO: TRILHO DO RÍO ÂNCORA (CAMINHA)
Saída: 9:00h da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 17:00h

Distancia: 15 km
Tipo: ruta pequena
Grao de dificultade: medio
Duración: 5:30 h
Punto de partida: Sâo Lourenço da Montaria (serra d’Arga -Viana do Castelo)
Percorrido: ecolóxico / paisaxe

Descrición:
Partindo de São Lourenço da Montaria, aldea situada na base do macizo rochoso da Serra d’Arga, no concello de Viana do Castelo, o percorrido transcorre dende o val do río Âncora ata a parroquia de Riba de Âncora, no concello de Caminha.

Entre regatos, fervenzas, muíños de auga e pontes, poderase apreciar espazos do “Lugar de Interese Comunitario Serra d’Arga”, que inclúen hábitats naturais e seminaturais, con especies de fauna e flora de conservación prioritaria, como así como coñecer o valioso patrimonio cultural de zonas rurais típicas do Val do Âncora, como Amonde, Orbacém e Gondar.

ANDAINA 3.- SÁBADO, 5 DE NOVEMBRO: SENDA DOS CARRANOS (COVELO)
Saída: 9:00h da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 17:00h

Distancia: 7,2 km
Tipo: ruta circular
Grao de dificultade: medio-alto
Desnivel: 253 metros positivos
Duración: 3:30 h
Punto de partida: Camping de Maceira.
Percorrido: ecolóxico / etnográfico

Descrición:
Ruta de río e bosques de ribeira de alto valor ecolóxico, que serpentea entre os bosques ben conservados de arborado autóctono das ribeiras do Río Tea.

A ruta parte da Praia de Maceira e comeza ascendendo cara o aserradoiro dos Carranos, un dos mellor conservados de Galicia. Seguindo entre árbores e outra vexetación que fará da ruta un camiño fresco, chegaremos a Fofe, un pobo coñecido pola súa reitoral e unha ponte de pedra cun incalculable valor arquitectónico. Trátase dunha ruta curta pero de dificultade media, debido a que posúe algo de desnivel.

ANDAINA 4.- SÁBADO, 19 DE NOVEMBRO: TRILHO DO LITORAL NORTE (DE VIANA DO CASTELO A MOLEDO, CAMINHA)
Saída: 9:00h da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 17:00h

Distancia: 16 km
Tipo: ruta pequena
Grao de dificultade: fácil
Duración: 5 h
Punto de partida: Viana do Castelo
Percorrido: ecolóxico / paisaxe

Descrición:
Pola costa, dende Viana do Castelo ata Vila Praia de Âncora, os participantes percorrerán a Ecovia do Litoral Norte, con praias, xeositios, campos agrícolas, castros e muíños de vento.

Descubrir algúns dos monumentos naturais do Xeoparque Litoral de Viana do Castelo, subir ao alto do outeiro de Montedor, apreciar o seu faro, ou contemplar o océano Atlántico no Forte do Cão, na Âncora, serán algunhas das experiencias que quedarán na memoria.