A Guarda | A primeira reunión do proxecto no que participa a asociación FOCO, a Câmara Municipal de Caminha e o Concello da Guarda tivo lugar na Guarda o día 1 de febreiro.
O proxecto O Río que nos Une é unha iniciativa de cooperación no ámbito da mocidade financiada polo programa Erasmus+ da Unión Europea cun financiamento de 17.164€.
Este proxecto reúne a 3 socios: a Câmara Municipal de Caminha, o Concello da Guarda e a asociación FOCO. Neste proxecto as dúas institucións municipais colaborarán na implementación das actividades locais que se propoñerán despois dos encontros que guiará a asociación entre persoas mozas de ambos municipios.
Co proxecto O RIO QUE NOS UNE abordaremos o tema da participación xuvenil nas políticas de mocidade municipais para aumentar a cooperación e cohesión de ambos municipios no deseño e implementación de iniciativas e actividades xuvenís. Para cumprilo, serán incluídos e habilitados procedementos e mecanismos para garantir a participación da mocidade no deseño destas actividades.
O proxecto divídese en dúas partes: unha primeira fase de encontros entre mozos/as da Guarda e Caminha na que se establecerán as actividades que se propoñerán aos dous municipios a través dun proceso participativo; unha segunda fase na se que levarán a cabo as actividades.
Será unha oportunidade para reflexionar sobre como cooperar entre os dous países, facilitar a comunicación entre os/as mozos/as e os/as representantes políticos.
O proxecto ten como obxectivo establecer en cada municipio un mecanismo para que as persoas novas pedan propoñer ao seu concello e deseñar actividades que estean adaptadas ás súas habilidades e realidade, prestando especial atención à xuventude de menos de 20 anos (quen máis afastada e allea ve ás institucións) e crear unha axenda de actividades xuvenís transfronteiriza conxunta. Con este proxecto, queremos potenciar un marco común europeo para a realización de actividades e participación xuvenil e fortalecer a nosa rede de organizacións xuvenís a nivel internacional.
Contacto: Gonzalo Martínez Ramiro gonzalo@focoeuropa.com 604 030 892