A Guarda | “Solo Empresarial do Atlántico” (SEXA), organismo dependente do Ministerio de Transportes a través de Sepes, analizou co Concello da Guarda a posibilidade de retomar o estudo e análise dun posible polígono supramunicipal que atraia actividade económica xeradora de emprego da zona sur de Galicia e do norte de Portugal. Así o expuxo a xerente de SEXA, Beatriz Sestayo, na reunión telemática que mantivo co alcalde da Guarda, Antonio Lomba.
De forma concreta, a xerente e o rexedor da Guarda acordaron que SEXA iniciará a análise e o estudo dun posible polígono compartido entre A Guarda e O Rosal, que podería contar cunha superficie superior aos 270.000 metros cadrados. “É un sitio que, de ser viable economicamente, é moi interesante desde o punto de vista económico e industrial, xa que podería atraer proxectos xeradores de emprego tanto do sur de Galicia como do norte de Portugal”, destacou Beatriz Sestayo.
O proxecto expúxose en 2004 pero quedou en suspenso posteriormente. A pesar disto, SEXA posúe en propiedade dunha bolsa de chan con parte dos terreos necesarios para o desenvolvemento deste polígono e xa conta co proxecto sectorial. Por iso, Beatriz Sestayo comprometeuse co alcalde para estudar a posibilidade de acometer este proxecto para o que, en primeiro lugar, recuperouse xa o proxecto sectorial e SEXA vai proceder á súa actualización.
En paralelo, realizarase unha taxación do prezo do chan co que conta a entidade. Beatriz Sestayo tamén acordou con Antonio Lomba que, unha vez que se analicen os posibles custos, realizará unha visita á Guarda nas próximas semanas para abordar de forma persoal as posibilidades do proxecto.
Antonio Lomba, pola súa banda, puxo en valor a zona estratéxica na que se situaría o parque empresarial, aínda que lamentou o atraso da Autovía Tui-A Guarda. “Levamos case 20 anos perdendo oportunidades de implantación de empresas na comarca do Baixo Miño por causa de non dispoñer de chan empresarial e polo atraso na construción da Autovía Tui-A Guarda. Ter unha comarca ben comunicada e dispoñer de chan empresarial son elementos estratéxicos para o desenvolvemento futuro esta comarca transfronteiriza”, explicou o rexedor.
Solo Empresarial do Atlántico
“Solo Empresarial do Atlántico”, S.L., S. M.E., é unha sociedade que está participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, a través de Sepes; nun 15,91% pola Xunta de Galicia, e nun 1,65% por ABANCA e creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia.
“Solo Empresarial do Atlántico” xestiona 13 parques empresariais en Galicia, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados, situados nas provincias de Lugo –Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade—, da Coruña –Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo— e de Pontevedra –Vilanova de Arousa e Catoira-.