A Guarda | O Concello de A Guarda participou este mércores en Allariz no Certame de valoración do programa Vilas en Flor que recoñece o labor na xestión de zonas verdes dos concellos galegos de menos de 40.000 habitantes.
A Guarda participa por terceiro ano consecutivo nesta iniciativa posta en marcha pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) e que avalía a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos.
Nesta ocasión, a Concelleira de Medio ambiente, Montserrat Magallanes e o Concelleiro de Vías e Obras, Miguel Ángel Español recolleron o galardón de tres Flores de Honra, unha flor máis que nas anteriores edicións de 2019 e 2020.
A valoración baseouse no dossier remitido polo propio concello no que se avalía, entre outros, o patrimonio vexetal e paisaxístico, os espazos verdes urbanos, parques e xardíns, a relación entre espazos naturais e número de habitantes, a xestión da auga ou as actividades, turismo e comunicación nesta materia.
A maiores, o xurado de Vilas en Flor realiza unha visita de inspección na que percorre algunhas das localizacións máis destacados co obxectivo de coñecer de primeira man os avances do municipio en materia medioambiental e paisaxística.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, manifestou que este recoñecemento é froito do gran esforzo realizado polos diferentes servizos municipais e empresas encargadas do mantemento de espazos públicos e xardíns municipais en colaboración coa cidadanía guardesa, nunha aposta decidida pola mellora destes espazos e a súa posta en valor, facendo fincapé tamén na concienciación cidadá para manter A Guarda limpa e embelecer o noso entorno.