A Guarda | O Concello da Guarda realizou o pasado sábado día 28 de xaneiro a inauguración oficial das obras de reforma e ampliación realizadas no Pavillón Deportivo Municipal da Sangriña, nun acto especial que estivo dirixido pola comunicadora guardesa Beti Rey.
O acto contou coa asistencia da Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o Secretario Xeral para o Deporte, Lete Lasa; a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o Deputado de Deportes, Gorka Gómez; o Delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades e o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e membros da Corporación Municipal e demais convidados.
O acto contou con varias actuacións, da Escola de Danza Attitude e da Escola de Danza Dansá, e, por primeira vez na Guarda, actuación coa compañía de performances de Pablo Méndez.
Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, agradeceu o apoio das diferentes administracións que fixeron posible que estas obras chegasen a bo porto coas súas achegas económicas, así coma aos diferentes partidos da corporación municipal, levando a cabo un proxecto de gran envergadura en tempo record, para que A Guarda conte en menos dun ano cunhas instalacións dignas, seguras e accesibles, acorde coas necesidades do deporte guardés e que permitirán a realización de diferentes actividades, non só deportivas ou escolares, senón tamén culturais e grandes eventos.
O proxecto da Reforma e Ampliación do Pavillón da Sangriña supuxo unha inversión duns 1.870.000 €. Esta obra permitiu modernizar todas as instalacións, que contemplan: unha nova fachada, unha nova cuberta, unha nova grada de fondo, a creación dunha planta superior para a circulación de espectadores e acceso seguro ás gradas, unha zona de espectadores en cadeiras de rodas nesa planta superior, un ascensor, a renovación dos vestiarios: catro vestiarios xerais, un vestiario accesible, un vestiario para árbitros; dous núcleos xerais de aseos, tres aseos accesibles, un espazo de enfermería, un espazo para control antidopaxe, unha area de prensa, novas zonas de paso inferiores e almacéns, etc. Ademais inclúese unha importante mellora na accesibilidade, na seguridade e na eficiencia enerxética do edificio. Tamén se aumenta o aforo nun 48%, ata 700 persoas sentadas.
Non cabe dúbida que o pavillón da Sangriña precisaba desta reforma, a execución desta obra representa unha gran oportunidade para A Guarda e un gran paso na mellora das súas infraestruturas deportivas, que gañan hoxe en día un espazo acorde aos novos tempos e preparado para o futuro deportivo da vila.