A Guarda | Antonio Lomba, alcalde e candidato socialista á alcaldía da Guarda, destaca que “pechamos o mandato municipal cun Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta máis de 26.500 horas anuais de atención aos nosos veciños e veciñas”.
Foron en concreto no ano 2022 un total de 23.776,76 horas anuais de Dependencia e 2.807,94 horas na modalidade de Libre Concurrencia, atendendo a unha media de 60 veciños e veciñas do concello.
“Un servizo fundamental para as persoas maiores, os dependentes e as súas familias”, engade Lomba, que garante que “incrementaremos un 40% a partida municipal para este contrato”.
“As políticas sociais serán de novo sinal de identidade do goberno local no próximo mandato; é un dereito dos veciños, un dereito protexido pola lei para darlle asistencia ás persoas que o necesitan”, explica o alcalde e candidato socialista.
Lomba que lembra que “aínda que as competencias deste servizo son da Xunta, somos os concellos que os que asumimos desde hai anos os incrementos do seu custo”, botando en falta “que o PP local e Roberto Carrero non demanden un maior financiamento por parte do goberno galego”.
Dentro das medidas sociais, neste mandato rehabilitouse ademais a antiga vivenda dos mestres da Escola da Poza, en Camposancos, para a acollida de persoas e familias vulnerables.