A Guarda | A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda iniciou este sábado 17 de setembro a recollida de sinaturas de apoio a lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) en defensa da sanidade pública galega que desenvolven por todo Galiza as diversas plataformas e organizacións integradas en SOS Sanidade Pública.
As Plataformas buscan con esta iniciativa impulsar medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria para salvala da situación a que chegou, debido ao proceso de privatización e desmantelamento da sanidade pública acometido pola da Xunta de Galiza nos últimos anos.
Os promotores da iniciativa consideran que a Xunta de Galiza debe recuperar os recursos humanos recortados para poder garantir a accesibilidade aos centros de saúde, desmasificar as consultas, acabar coas listas de espera e mellorar as condicións laborais do persoal.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda informa que seguirán recollendo sinaturas durante os próximos meses para que os responsábeis desta situación perciban con claridade, cando se debata no Parlamento Galego, o clamor social existente diante dunha situación que cualifican como dramática.