A Guarda | A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda ven de instalar no andar superior da Praza de Abastos da localidade 3 colectores para depositar residuos de aparellos eléctricos e electrónicos: móbiles e tablets, pilas e baterías e cargadores e cables.
Esta acción realízase ao abeiro do o proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do “lixo electrónico” promovido pola Deputación.
A provincia de Pontevedra revalida, con estes recursos, a súa posición como referencia europea, e mesmo mundial, no marco da protección do medio ambiente e no cumprimento da Axenda 2030.
O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).