A Guarda mobilizarase para esixir máis persoal sanitario

O próximo 29 de maio, convocado pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda

A Guarda | A vila da Guarda asiste nos últimos meses ao progresivo deterioro dos seus servizos sanitarios. Son varios centos de persoas, actualmente 4 cupos de doentes, as que non teñen a día de hoxe un médico de Atención Primaria. A continuidade asistencial, o seguimento no tempo e por un mesmo profesional das patoloxías dunha persoa, é a base dunha Atención Primaria de calidade.

O Centro de Saúde da Guarda só dispón actualmente de 4 dos 8 médicos de familia que debería ter en activo. As restantes prazas son cubertas puntualmente polo Sergas coa modalidade da prolongación de xornada. Deste xeito, facultativos doutros centros acuden a atender listas de 30 pacientes por unha serie de horas, pero sen continuidade. Do mesmo xeito, a atención pediátrica está mermada ao non cubrírense as baixas dunha pediatra da Guarda e da pediatra de Oia e do Rosal.

“O Centro de Saúde da Guarda só dispón actualmente de 4 dos 8 médicos de familia que debería ter en activo. As restantes prazas son cubertas puntualmente polo Sergas coa modalidade da prolongación de xornada. Deste xeito, facultativos doutros centros acuden a atender listas de 30 pacientes por unha serie de horas, pero sen continuidade”

Esta situación prolóngase xa por varios meses e, nalgúns casos, máis dun ano. Supón o deterioro das condicións de saúde de moitas persoas na vila. Implica, tamén un agravio comparativo, que coloca a Guarda como unha das vilas máis maltratadas da Galiza no referido a dotacións sanitarias, sen dúbida a que se encontra nunha peor situación da área sanitaria de Vigo.

Preocupa tamén o deterioro das condicións de traballo do persoal do centro, ao ter que asumir os 4 facultativos presentes as consultas dos seus pacientes, ás que hai que engadir as urxencias, tanto dos seus pacientes como as dos compañeiros.

“Preocupa tamén o deterioro das condicións de traballo do persoal do centro, ao ter que asumir os 4 facultativos presentes as consultas dos seus pacientes, ás que hai que engadir as urxencias, tanto dos seus pacientes como as dos compañeiros”

Todo isto con axendas que xa estaban sobrecargadas, xerándose listas de espera indignas dun servizo de Atención Primaria. O persoal de enfermaría está tamén padecendo sobrecargas derivadas da excesiva carga de tarefas agravada coa actual xestión do proceso de vacinación.

O persoal administrativo enfrenta continuas situacións de estrés ao seren as primeiras caras sobre as que a poboación libera a frustración causada polo deterioro do servizo, sen seren responsábeis da situación xerada. En definitiva, o persoal do centro asume cargas de traballo nunca vistas, nas peores condicións que se recordan.

Nos últimos días téñense dado situacións inauditas, como a da mañá do día 13, en que só 3 médicos atendían de mañá, quedando en varias ocasións 2 no centro polas saídas de emerxencia. Dúas semanas atrás, unha soa médica atendía no centro de saúde polo período de media mañá. Ademáis hai que ter en conta que, ante a situación límite do persoal do Centro de Saúde, optouse por pechar a atención rutinaria de tarde, concentrando na mañá ese persoal. Isto fíxose dotando o PAC dun reforzo, que en moitas ocasións se realiza co propio persoal, insuficiente, do mesmo PAC. Na tarde de onte, por un espazo de dúas horas eses dous médicos estaban en sendas saídas de emerxencia, polo que o PAC quedou sen un só médico.

“Nos últimos días téñense dado situacións inauditas, como a da mañá do día 13, en que só 3 médicos atendían de mañá, quedando en varias ocasións 2 no centro polas saídas de emerxencia”

A Plataforma en defensa da Sanidade Pública da Guarda considera que non se pode admitir esta situación nin un día máis. Convocamos a poboación guardesa a unha mobilización no sábado 29 ás 12:00 para exixir solucións.

A SANIDADE PÚBLICA NON SE VENDE, DEFÉNDESE.