A Guarda | Antonio Lomba (PSdeG) é alcalde da Guarda desde 2015, sendo reelixido nas pasadas eleccións municipais de 2019. O rexedor guardense respondeu a Foro A Peneira-Novas do Eixo Atlántico sobre a actualidade no Concello da Guarda en materia sanitaria, socioeconómica, política, turística e de obras municipais.
Comecemos coa pandemia da COVID 19. Cal é a situación actualmente na Guarda en canto aos contaxios e cómo se están levando a cabo os programas de vacinación?
A situación é boa, a día de hoxe, 31 de maio, temos 2 casos activos, segundo nos comunican do sanidade. A incidencia acumulada a 14 días está por debaixo dos 25 casos por cada 100.000 habitantes e a 7 días non temos novos casos. Os programas de vacinación estaos xestionando directamente por sanidade. En canto ao ritmo de vacinación, eu percibo que a cidadanía está contenta pero A Guarda está moi lonxe de Vigo e non estamos conformes con ter que desplazarnos ao IFEVI para as vacinacións. Sanidade tería que ter buscado unha solución para achegar máis as vacinas ao Baixo Miño.
Qué axudas á hostalería e o tecido socioeconómico están impulsando dende o Concello?
Dende o Concello levamos articulando medidas de apoio dende practicamente o principio da pandemia con diferentes campañas, como a organización da venda por teléfono, o reparto a domicilio ou a plataforma de venda “on line” mercanaguarda. Tamén tomamos iniciativas de eliminación ou rebaixa de impostos ou taxas como no caso das terrazas, que non se pasaron ao cobro no 2020 nin se pasarán no 2021 ou a rebaixa do 25 % da taxa de lixo, que puideron pedir os establecementos que se viron obrigados a pechar no 2020 e poderán volver a pedir no 2021. Ademais das medidas comentadas, o Concello abriu dúas liñas de axudas directas, unha exclusiva para o hostelería, cunha cuantía total de 55.000 € financiados a través da Deputación de Pontevedra con axudas de ata 700 €, e unha axuda destinada as pequenas empresas e autónomos, con axudas de ata 300 € e un orzamento total de 75.000 €, susceptibles de ser ampliados.
“Tomamos iniciativas de eliminación ou rebaixa de impostos ou taxas como no caso das terrazas, que non se pasaron ao cobro no 2020 nin se pasarán no 2021 “
Recentemente, o Concello anunciou un superávit en Tesourería de medio millón de euros. Como serán investidos dende o Concello?
Realmente, cando fixemos a liquidación do orzamento de 2020, tiñamos algo máis de dous millóns de euros. Dende aquela levamos habilitado crédito para alguns investimentos urxentes que non se podían demorar. Habilitamos crédito para acometer actuacións de mantemento na piscina municipal, a creación dunha nova biblioteca no Centro Cultural, un novo camión de lixo e un sistema anticondensación do pavillón, entre outros. De momento levamos consumido arredor de 600.000 €. Co remanente que nos queda queremos facer fronte a grandes obras que se necesitan na localidade. Pensando na aplicación do remanente agora mesmo estamos traballando na urbanización da rúa Coruña e na reforma e ampliación do pavillón da Sangriña.
En que medida afectaron á Guarda as restricións e o peche da fronteira con Portugal realizado ata comezos de maio?
Na Guarda, o peche da fronteira afectou de forma moi importante, tanto na economía local, nos nosos comercios e hostalería, como a nivel persoal, nas persoas que se tiñan que desprazarse a traballar a Portugal. Non cabe dúbida de que este peche afectou a toda a raia, tanto aos concellos galegos como portugueses. No noso caso afectou dunha maneira moi especial as persoas máis débiles, aqueles traballadores e traballadoras que se viron obrigados a desprazarse ata Tui para pasar a Portugal. Hai que ter en conta que A Guarda, pola distancia e polas malas comunicacións con Tui, está a media hora da ponte internacional o que, enriba da distancia, hai que añadir o tempo que os traballadores e traballadoras Guardeses empregaban cada día para acudir aos seus postos de traballo.
“Na Guarda, o peche da fronteira afectou de forma moi importante, tanto na economía local, nos nosos comercios e hostalería, como a nivel persoal, nas persoas que se tiñan que desprazarse a traballar a Portugal”
A Guarda e O Rosal estudan concretar un polígono compartido para atraer investimentos galego-portugueses. Cómo vai encamiñado este proxecto?
Estamos traballando con SEA (Suelo Empresarial del Atlantico) e coa súa xerente, Beatriz Sestallo para dar impulso ao noso polígono empresarial, un proxecto sectorial que foi aprobado xa en 2007 pero que leva moitos anos parado.
Nestes momentos, a Universidade de Vigo está a redactar unha memoria que xustifique a viabilidade do polígono e as súas características. Entendemos que é fundamental para que este proxecto avance que melloren as comunicacións entre Tui e A Guarda, a Xunta ten que poñer un calendario ao remate da autovía e cumplilo, solo así conseguiremos a viabilidade real do polígono. A Guarda non pode seguir estando na periferia e incomunicada, é de xustiza saír desta situación.
“A Guarda non pode seguir estando na periferia e incomunicada, é de xustiza saír desta situación”
Tamén están as obras para o acceso sur do Porto da Guarda. Ten resposta de Portos de Galicia e da Xunta?
A resposta de Portos de Galicia foi desfavorable a cofinanciar esta obra que ten como principal obxectivo o de dotar dun acceso digno ao porto da Guarda. Tamén nos está costando conseguir os informes sectoriais para que o proxecto teña os parabéns para a súa execución. Os informes tardan moito en emitirse e, en algúns casos, non facilitan a tramitación do proxecto. Na actualidade, o proxecto redactado en 2018 está sendo revisado polo equipo redactor para propoñer unhas melloras que posibiliten ter un informe favorable de patrimonio. Este é un proxecto estratéxico para A Guarda e, cando teña os informes favorables, o concello debería tirar para adiante con el aínda que tivera que endebedarse.
A Guarda e a Câmara Municipal de Caminha estaban en conversas para crear unha eurocidade. Seguen adiante estas negociacións?
Estamos na fase previa. Para crear unha eurocidade é imprescindible que dúas poboacións fronteirizas estean ben comunicadas, e este non é o caso da Guarda cos nosos veciños de Caminha. Nós pensamos que é imprescindible deseñar o que vai a ser o futuro da comunicación entre A Guarda e Camiña. Para elo é necesario facer un estudo da comunicación para persoas e vehículos entre as dúas marxes do río para poñer en marcha unha solución a medio prazo, dado que o “Ferry” ten nestes momentos un funcionamento moi irregular e resulta improbable que poida manterse durante moito tempo.
“Para crear unha eurocidade é imprescindible que dúas poboacións fronteirizas estean ben comunicadas, e este non é o caso da Guarda cos nosos veciños de Caminha”
Que nos pode comentar do proxecto “Trega 2020+5”?
Este é un proxecto que ten como obxectivo manter de forma permanente traballos arqueoloxicos nun dos xacementos castrexos máis importantes de Galicia. Poñemos en marcha este proxecto porque consideramos que é unha obriga tanto para o concello da Guarda como para a Xunta de Galicia. Se é certo que unha das nosas grandes riquezas é o patrimonio, debemos demostralo investindo nel o que sexa necesario. Dende o concello adquirimos o compromiso de tirar para adiante deste proxecto aínda que non recibamos o apoio da Xunta. Así, este primeiro ano imos a financiar, con fondos exclusivos do Padroado do Monte Santa Trega, a restauración do lintel da porta norte do poboado castrexo.
A Guarda é un paso estratéxico do Camiño Portugués da Costa. A pesares da pandemia, cales son as expectativas do Concello en materia de paso de peregrinos e afluencia turística neste Ano Santo Xacobeo?
O Camiño, dende o seu recoñecemento en 2016, non fixo máis que crecer. Xusto antes do comezo da pandemia, na Guarda todos tiñamos asumido que os peregrinos eran xa parte da nosa vida cotiá. Agora que estamos recobrando o pulso desa vida cotiá tamén estamos recobrando a presenza de peregrinos na Guarda.
“As expectativas de todos é que o Camiño aínda pode crecer moito en afluencia de peregrinos”
As expectativas de todos é que o Camiño aínda pode crecer moito en afluencia de peregrinos. Para unha vila turistica coma a nosa o escaparate que representan ten un valor incalculable. Na actualidade é o noso mellor medio de difusión turística internacional, temos un camiño fermoso que resulta atractivo a todos os que pasan por aquí.
De cara ás festas do verán, ve posible realizar este ano a Festa do Monte?
Estamos en contacto permanente coa comisión de Festas para ofrecerlle o noso apoio e colaboración. Esta mesma semana temos unha xuntanza cos representantes das bandas mariñeiras para coñecer a súa postura e trasladarlle as nosas impresións. Pensamos que en agosto a situación sanitaria será mellor que na actualidade debido sobre todo ao importante número de vacinas que se están administrando.
De calquera maneira a programación das festas será a que permita a situación sanitaria naquela data. Organizaremos eventos culturais, sociais, deportivos e festivos en función da normativa da Xunta e da situación sanitaria na nosa localidade, con énfase nas medidas de prevención e protección necesarias.
Finalmente, o seu é un goberno en solitario dende a ruptura do BNG en outubro de 2019. Dende entón, que balance pode realizar da política local guardesa?
O equipo de goberno está formado por un grupo de persoas capaces, traballadoras e resolutivas. A verdade é que só teño palabras de eloxio para aos concelleiros e concelleiras que me acompañan nas labores de goberno. Foi unha magoa a falta de entendemento co BNG ao inicio da lexislatura, seguimos considerando que son máis as cousas que nos unen que as que nos separan pero naquel momento non foi posible traballar xuntos. Pola nosa parte estamos satisfeitos coa xestion que estamos levando a cabo, agradecendo igualmente á Deputación de Pontevedra en materia de programa de investimentos.
“Foi unha magoa a falta de entendemento co BNG ao inicio da lexislatura, seguimos considerando que son máis as cousas que nos unen que as que nos separan”
No único que non estamos satisfeitos é no tratamento que a Xunta de Galicia está dando a nosa localidade. Necesitamos que a Xunta ofreza aos concellos a transferencia de fondos para investimentos mantendo a aoutonomía municipal e necesitamos tamén que active e/ou colabore co Concello nas grandes obras e solución de problemas que a Guarda necesita como a autovía a Tui, ou acceso sur ou os problemas no centro de Saúde.