A Guarda | Durante as próximas semanas abrirase a convocatoria para que os negocios de hostalería, comercio e servizos podan beneficiarse de axudas directas que lles podan axudar a sufragar todos aqueles gastos engadidos que a pandemia está a xerar nos seus negocios, como pode ser a compra de hidroxel, mamparas ou outros elementos de protección, etc.
O equipo de goberno está ademais ultimando as bases doutra convocatoria que verá a luz cando se relaxen as actuais restricións, e que ten como obxectivo apoiar ás microempresas e autónomos da localidade a través da posta en marcha dunha campaña na que se fomentará o consumo local coa posta en circulación de bonos de compra que poderán ser utilizados pola cidadanía nos establecementos de hostalería, comercio ou servizos que desexen adherirse á campaña e cumpran os requisitos de participación.
Estas medidas veñen a complementar todas aquelas outras que se foron implantando desde o inicio da pandemia para reducir o impacto da COVID-19 e que pretendían e pretenden contribuír á reactivación económica da vila como son:
- – A redución na taxa do lixo para negocios.
- – A exención de pago das taxas por ocupación de vía pública para as terrazas durante 2020 e 2021.
- – Habilitación dunha sección específica na web de Turismo na que se ofrece información actualizada sobre normativa, subvencións ou axudas dirixidas á hostalería, así como posta a disposición do persoal da propia oficina de Turismo para solucionar dúbidas.
- – Posta en marcha da campaña #NonRompasOCírculo dirixida a sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre o consumo local.
- – A creación da plataforma de venda online www.mercanaguarda.com
- – Formación presencial sobre xestión do risco da COVID-19 na hostalería, así como un servizo de asesoramento telefónico para os negocios participantes.
- – Publicación de listados de establecementos comerciais que ofrecían servizo a domicilio durante o confinamento.
- – Publicación durante o confinamento, e durante o actual período de severas restricións na hostalería, de listados actualizados de restaurantes, bares e cafeterías con servizo de comida ou bebida para levar ou que ofrecen entrega a domicilio.
- – Publicación de listados actualizados dos establecementos do mercado municipal con servizo de pre-encarga e/ou entrega a domicilio.