A Guarda | Na súa intervención o Alcalde da Guarda Roberto Carrero explicou que o deseño e o manual de identidade visual corporativo foi elaborado pola deseñadora local Ana Cividanes quen recibiu o encargo de renovar a imaxe corporativa pero sempre integrando a imaxe do escudo.
Escolleuse a cor azul porque A Guarda é auga, polo que a deseñadora empregou un sutil xogo na tipografía empregada representado a nosa vila rodeada polas ondas do mar e do río. O escudo mantén os seus elementos sendo simplificado as liñas e as cores que nas décadas anteriores foron mudando.
O Concelleiro de Turismo, Fernando Reyes, informou que a concellería tamén renova a súa imaxe e o lema, mantendo a nova marca pero coa característica que esta versión é a múltiples cores representando así a variedade dos elementos e recursos da Guarda: praias, monte, patrimonio, mar, gastronomía…
O novo lema turístico é “A Guarda é teu destino” continuando coa mesma idea que os visitantes escollen gozar da Guarda por diferentes motivos pola arqueoloxía, polo espazo natural, pola gastronomía, pola cultura mariñeira, polo Camiño Portugués da Guarda,… chegando a atraer a diferentes perfís de visitantes.
O Concelleiro tamén adiantou que na vindeira semana estará dispoñible unha nova ferramenta turística para os visitantes que son uns mapas interactivos que recollen os elementos turísticos da vila. Esta nova marca turística vai convivir co logo do Camiño Portugués da Costa lanzado o ano pasado por que é específica para a promoción do camiño e aínda ten vixencia.
Neste acto tamén participou Anxo Pena; Concelleiro de Comercio, Empresa e Innovación Tecnolóxica, quen foi o responsable de presentar a mellora da aplicación móbil municipal e a creación dun novo sistema de incidencias para que os veciños podan comunicar os problemas da vía pública dunha forma rápida e sinxela.
A nova ferramenta que se atopa no menú principal da aplicación é indispensable para fomentar a participación da veciñanza nos procesos de mellora do pobo de A Guarda. Para a súa descarga en iOS e Android é preciso escribir na AppStore ‘’municipio inteligente A Guarda’’.
Nos vindeiros días a nova marca será incorporada nos diferentes soportes e na xestión municipal.